Así o trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en resposta a unha interpelación no Pleno do Parlamento

Ethel Vázquez demanda a liberalización da peaxe do treito estatal da conexión Santiago-Ourense para que funcione como un verdadeiro eixe vertebrador do interior de Galicia

Vázquez Mourelle cualificou de anomalía que a vía de comunicación entre Santiago e Ourense teña unha parte estatal de pago e outra autonómica gratuíta para os usuarios

Reitera o obxectivo de que os cidadáns poidan desprazarse entre Santiago e Ourense sen pagar peaxe, aumentando a seguridade viaria, diminuíndo o tempo da viaxe e reforzando a competitividade nos territorios que atravesa ese eixe interior

Subliña que o orzamento anual para liberar de peaxe a autoestrada estatal é similar ao que realiza a Xunta para manter libre de pagamento o treito autonómico ata Ourense

Recorda que o Bipartito fixo un uso excesivo da construción de autovías con pago aprazado mediante o sistema de concesión en época de bonanza, deixando un endebedamento de máis de 4.100M€, que a Xunta logrou reducir nun 60% desde 2009

Pon en valor a xestión dos recursos públicos por parte da Xunta, que permitiu ir pagando as débedas do Bipartito e ao mesmo tempo, construír 220 km de vías de altas prestacións libres de peaxe e conservar os 5.500 quilómetros da rede viaria autonómica
 

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, demandou a liberalización da peaxe do treito estatal da conexión Santiago-Ourense, a AP-53, para que actúe como un verdadeiro eixe vertebrador do interior de Galicia.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade respondeu hoxe a unha interpelación no Pleno do Parlamento de Galicia, onde reiterou o obxectivo perseguido polo Goberno galego de que os cidadáns poidan desprazarse entre Santiago e Ourense sen pagar peaxe.

Cualificou como unha anomalía que ese eixe de comunicación teña unha parte, a estatal, que é de pago, e outra, a autonómica, que é de balde para os usuairos, con peaxe en sombra asumido pola Xunta.

Subliñou que o investimento anual preciso para converter a autoestrada estatal en libre de peaxe para o usuario sería similar ao que realiza o Goberno galego para manter libre de pagamento o treito autonómico ata Ourense, por iso insistiu na necesidade de liberar a parte estatal.

Remarcou que se toda esta conexión fose libre de peaxe aumentarían a calidade de vida dos cidadáns que viven ao carón da N-525 e a seguridade viaria, diminuiría o tempo da viaxe e se incrementaría a competitividade nos territorios que atravesa ese eixe interior.

Vías de altas prestacións libres de peaxes

Vázquez Mourelle explicou que a construción das autovías con pago aprazado mediante o sistema de concesión permitiu adiantar a posta en servizo de infraestruturas de altas prestacións, pero o Bipartito fixo un uso excesivo desta modalidade na época de maior bonanza económica, o que derivou nunha hipoteca para a Xunta, que non só dura ata hoxe, senón da que aínda restan anos por diante.

Precisou que o Goberno galego logrou reducir desde 2009 nun 60% o endebedamento deixado polo Bipartito que ascendía a máis de 4.100 M€.

Detallou que en Galicia hai cinco autovías autonómicas cuxa construción, mantemento e explotación foron contratadas baixo a modalidade de concesión de obra pública con peaxe en sombra nunha época de bonanza económica que a Xunta segue a abonar puntualmente.

Puxo en valor a eficacia do actual Goberno galego no emprego dos recursos públicos, que permitiu ir pagando as citadas débedas e ademais avanzar na construción de novas estradas libres de peaxes, favorecendo o reequilibrio territorial.

Subliñou que a xestión da Xunta posibilitou construír preto 220 quilómetros de vías de altas prestacións libres de peaxe e manter nos Orzamentos dos últimos anos unha media anual de 50 M€ para a conservación dos 5.500 quilómetros de estradas autonómicas.

Data de actualización: 05/12/2023