A Xunta apoia a campaña de difusión “O cerco, un xeito de vida”, presentada hoxe na Praza de Abastos de Lugo

A Consellería do Mar colabora coa Asociación de Armadores do Cerco de Galicia a través da liña de achegas para os plans de produción e comercialización dos produtores pesqueiros

Lugo, 5 de decembro de 2023

A Consellería do Mar apoia a campaña ‘O cerco, un xeito de vida’, posta en marcha pola Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (Acerga) e que hoxe foi presentada na Praza de Abastos de Lugo.

A iniciativa quere dar a coñecer entre a poboación a metodoloxía empregada polos barcos cerqueiros galegos, que pescan dun xeito sustentable e respectuoso co medio ambiente, ao tempo que subliña a calidade das súas capturas, como a sardiña, o xurelo, a xarda, o bocarte, a boga, o sargo ou a agulla, ofrecendo aos consumidores un produto de proximidade, fresco e sostible.

A campaña desta organización de produtores pesqueiros (a OPP-82) incluíu aos centros educativos, onde se desenvolveu a través dun concurso de debuxo para divulgar as bondades nutritivas, ecolóxicas e culinarias dos produtos do cerco.

A Consellería colabora con Acerga a través do programa anual de axudas para a preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros e das asociacións de produtores pesqueiros, que para o ano 2023, o primeiro financiado polo novo Fondo Europeo, Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa), destina a esta organización de produtores preto de 610.000 euros.

Os produtos do cerco tamén están moi presentes na campaña da Xunta GALICIA SABE AMAR, que promociona a calidade dos peixes e mariscos galegos mediante catro foodtrucks que xa percorreron máis de 400 localidades de España e chegaron a unhas 350.000 persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2023