Nove empresas de Ponteareas e 24 traballadoras beneficiáronse dos 130.000 euros en axudas do Plan Emega da Xunta

O delegado territorial en Pontevedra, Agustín Reguera, informou desta resolución de achegas nunha visita á Confitería La Marqusina de Ponteareas, que recibirá unha achega de 14.000€
 

Estas axudas contan cun orzamento na provincia de Pontevedra de preto de dous millóns de euros para fomentar e apoiar o emprego feminino

Ponteareas, 22 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, acaba de conceder axudas do Programa de axudas de fomento do emprendemento e o emprego feminino, a nove proxectos empresariais impulsados por mulleres en Ponteareas cun investimento de preto de 130.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, informou desta resolución esta mañá nunha visita á empresa Confitería La Marquesina, que vai recibir unha achega de 14.000 euros ao abeiro da liña Activa deste programa, orientada á consolidación de empresas lideradas por mulleres por medio da aplicación de medidas de renovación, relanzamento ou ampliación do seu negocio.

Acompañado polo xefe territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, José Antonio Rodríguez Fachado, o delegado territorial destacou o gran impacto destas axudas que chegan a 140 proxectos empresariais en toda a provincia e que solo en Ponteareas “permitiron crear ou manter 24 postos de traballo de mulleres”. 

Máis alá da Confitería La Marquesina, estas axudas contan cun orzamento de preto de dous millóns de euros na provincia de Pontevedra e permitiron afianzar o posto de traballo de 350 mulleres. Uns números que segundo Reguera “son a proba de que a Xunta está a levar a cabo políticas de emprego eficaces, xustas e cun gran impacto na sociedade”

Cabe destacar que a Xunta ten apostado de forma contundente polo emprego e a igualdade en toda a comunidade autónoma nos últimos anos. No caso de Ponteareas, entre os apoios ao concello e os ofrecidos a asociacións, clubs, colexios, AMPAS, empresas e demais entidades afincadas nesta localidade, a Xunta investiu entre o 2019 e o 2022, máis de 2,5 millóns de euros en políticas que fomentaron a creación ou mantemento do emprego e a igualdade.

Reguera rematou a visita destacando o labor fundamental dos empresarios e empresarias que “se preocupan de optar a este tipo de axudas e poñen todo da súa parte para que os esforzos da administración pública teñan o impacto que se pretende”. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2023