A Xunta adxudica por 22 M€ as obras dos accesos do novo Hospital Público da Coruña

Con este contrato, de proxecto e execución da obra, dotarase ao Novo CHUAC duns accesos máis funcionais, sinxelos e integrados que faciliten a entrada aos distintos servizos e ao aparcadoiro así como o funcionamento do complexo durante as obras

Os traballos inclúen a mellora da conexión coa AC-12, a construción dun anel perimetral e a conexión coa rede viaria municipal, a execución dun acceso provisional coa AC-10 para facilitar as obras e un aparcadoiro temporal con 195 prazas

Trátase dunha das 3 primeiras obras contratadas do novo Hospital Público da Coruña que, xunto coas da Torre Polivalente e as de demolición do Hotel de Doentes, suman un investimento de máis de 60 M€ e xerarán máis de 900 postos de traballo

O Novo CHUAC é unha actuación complexa e ambiciosa, cun investimento de 500 M€ para garantir a atención sanitaria a máis de 500.000 pacientes

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2023

A Xunta adxudicou por importe de  22.065.902,43 euros a execución das obras de mellora dos accesos do novo Hospital Público da Coruña, o Novo CHUAC.

O contrato, que engloba o proxecto e a execución das obras, foi adxudicado á UTE Puentes y Calzadas Infraestructuras S.L.U. - Francisco Gómez y Cía., S.L.- Vázquez y Reino, S.L.

Os traballos teñen como obxectivo mellorar o modelo actual de accesos e adaptalos ao proxecto do Novo CHUAC e á mobilidade da contorna, a través dun esquema sinxelo e entendible por todos os usuarios.

Ao tempo que a Xunta avanzou na contratación desta actuación, realizáronse os actos expropiatorios, o que permitirá que a UTE adxudicataria poida realizar os labores de xeotecnia ou topografía de detalle nas parcelas na fase de redacción do proxecto construtivo.

O obxectivo desta intervención é dotar o Hospital Público da Coruña duns accesos máis funcionais, sinxelos e integrados, que faciliten a entrada aos distintos servizos e ao aparcadoiro e o funcionamento do complexo durante as obras.

Para iso, en primeiro lugar, prevese mellorar a conexión do CHUAC coa rede viaria de alta capacidade a través da AC-12 ou avenida da Pasaxe.

A conexión coa AC-12 realizarase mediante un enlace tipo trompeta e unha glorieta de 41 metros de diámetro, procurando en todo momento a máxima integración na contorna e o mínimo impacto.

Esta actuación permitirá, ademais, optimizar os accesos ao Hospital San Rafael desde a AC-12 ou avenida da Pasaxe.

En segundo lugar, prevese a execución parcial da vía perimetral que dará acceso directo aos distintos servizos do hospital e conectará coa rede viaria urbana en diferentes puntos. A configuración desta parte do anel perimetral do Novo CHUAC suporá a execución de 4 km de vías e 21 eixes diferentes.

En terceiro lugar, tamén se recolle a construción dun acceso provisional de saída cara á AC-10 durante a execución das obras para facilitar o seu desenvolvemento, así como a habilitación dun aparcadoiro tamén temporal ao oeste da rúa Curramontes con máis de 5.000 metros cadrados de superficie e 195 prazas de estacionamento.

O Goberno galego continúa avanzando no traballo para que o Novo CHUAC teña uns accesos máis funcionais e sinxelos, integrados na rede urbana, que faciliten a chegada ao aparcadoiro e aos diferentes servizos do hospital e que aseguren, ademais, o funcionamento do complexo durante as obras.

Esta é o primeiro dos tres proxectos que están agora mesmo en marcha do Novo Hospital Público da Coruña, estando ultimándose agora a análise das 11 ofertas de empresas recibidas para a demolición do Hotel de Doentes, cuxo espazo é necesario para executar os novos accesos, e que suporá un investimento de 1,4 M€. Tamén se están a avaliar as 12 ofertas presentadas para executar as obras da Torre Polivalente, que suporán un investimento de 35,1 M€.

Trátase, polo tanto, das 3 primeiras obras do Novo Hospital Público da Coruña que supoñen un investimento de máis de 60 M€ e xerarán máis de 900 postos de traballo.

Todas estas intervencións forman parte dunha actuación complexa e ambiciosa que exixe un gran traballo e un investimento de 500 M€ para garantir a atención sanitaria da Coruña e Cee nas vindeiras décadas, para dar atención a máis de 550.000 pacientes.

Para iso multiplicarase por tres a superficie actual do hospital, pasando dos 85.000 m² actuais a unha superficie construída de case 257.000 m² .

Data de actualización: 05/12/2023