O director do Instituto de Estudos do Territorio visitou hoxe o municipio

A Xunta concede preto de 40.000 € ao concello de Bóveda para rehabilitar varios inmobles municipais

O Goberno galego convocará nas vindeiras semanas unha nova edición desta iniciativa, que, cun orzamento inicial de 2 M€, estímase que se poderá axudar a máis de 50 entidades locais e a case 400 cidadáns

Bóveda (Lugo), 5 de decembro de 2023

A Xunta concedeu preto de 40.000 euros ao Concello de Bóveda para rehabilitar varios inmobles municipais ao abeiro da orde de axudas do Goberno galego para a corrección de impactos paisaxísticos, segundo dixo hoxe o director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, durante a súa visita ás actuacións levadas a cabo.

O director do IET, que estivo acompañado do alcalde da localidade, José Manuel Arias, puxo este Concello como exemplo á hora de empregar esta liña de financiamento, posta en marcha pola Xunta de Galicia en 2021, para actuacións que permitan corrixir e mellorar o aspecto exterior de vivendas, edificios e equipamentos públicos municipais deteriorados polo paso do tempo e por unha insuficiente conservación.

Así, De Salvador salientou os traballos de rehabilitación realizados nos centros asistenciais de Bóveda e Rubián. En concreto, actuouse nos paramentos a través da limpeza dos soportes, a reparación dos descascados e gretas, e o posterior pintado en base á Guía de cor e materiais de Galicia.

Ademais, tamén visitou a actuación feita na fonte e lavadoiro de Vilar, onde se eliminaron todos os elementos construtivos alleos á tipoloxía tradicional, se reconstruíron os muros perimetrais en pedra e se executou unha nova cuberta con madeira e lousa. A maiores, limpouse e acondicionouse a contorna.

Logo de lembrar que nos últimos tres anos recibiron achegas 1.800 particulares e 156 entidades locais, o director do IET explicou que a Xunta convocará nas vindeiras semanas unha nova edición desta iniciativa, que, cun orzamento inicial reservado de 2 millóns de euros —1 millón para particulares e 1 millón para concellos—, estímase que se poderá axudar a máis de 50 entidades locais e a case 400 cidadáns.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2023