Trenor anima aos taxistas a solicitar as novas axudas convocadas pola Xunta por importe de 500.000 euros para incentivar a adquisición de taxis adaptados e de emisións cero ou ECO

Destinaranse 290.000 € á compra de taxis adaptados, 142.000 € para vehículos de baixas emisións e 68.000 € para taxis de emisións cero

Os inventivos son de 10.000 € para coches adaptados á mobilidade reducida, de 4.000 € para vehículos de cero emisións e de 1.000 € para taxis ECO

O prazo de presentación está aberto ata o 14 de outubro

A Xunta, desde 2016, leva concedidas axudas por importe de máis de 5,4 M€ que facilitaron a compra de 282 taxis adaptados, 613 de baixas emisións e 31 de emisións cero

O Goberno galego, a través destes incentivos, apoia aos profesionais do taxi, un sector que en Galicia dá emprego a preto de 3.500 familias e que presta un servizo esencial, favorecendo e garantindo a mobilidade da xente
 

A Coruña, 5 de decembro de 2023

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse, esta mañá, cos representantes da asociación FEGATAXI da Coruña, que preside Ricardo Villamisar, para informar da nova convocatoria de axudas  para a compra de taxis adaptados, de emisións cero ou cero emisións que se abriu a semana pasada e que estará aberta ata o 14 outubro. Na cidade da Coruña recibiron estes apoios, o ano pasado, 24 taxistas por un importe de máis de 138.000 euros

Estes apoios, que suporán un investimento de 500.000 euros, teñen por obxectivo incentivar a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, e de emisións cero ou categoría ECO. Están dirixidos aos titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade.

O obxectivo da Xunta é reforzar a aposta do sector do taxi pola inclusión social, financiando a adquisición de vehículos adaptados ás diferentes necesidades de mobilidade e sumar aos profesionais do taxi á loita contra o cambio climático, dotándoos de vehículos menos contaminantes.

A liña para a compra de taxis adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida, os chamados eurotaxis, está dotada con 290.000 euros; para a adquisición de taxis de baixas emisións resérvase unha partida de 142.000 euros; e os 68.000 euros ata completar o importe desta convocatoria irá destinada a financiar taxis de cero emisións.

Estes incentivos, que son compatibles entre si, ascenden a 10.000 euros para o caso da compra de eurotaxis; a 4.000 euros para vehículos de cero emisións; e a 1.000 euros para a compra de taxis ECO.

Os prazos serán diferentes para as distintas liñas de incentivos. No caso das axudas para taxi de emisións cero ou ECO poderán ser obxecto de subvención os vehículos novos que se adquiran entre o 28 de febreiro de 2023 e o 31 de outubro de 2024.

Ás axudas da liña de taxis adaptados á mobilidade reducida poderán acceder os vehículos que xa foran adquiridos, en calquera momento, sempre que manteñan o compromiso da actividade, a lo menos de cinco anos. Ademais, tamén poden solicitalas os vehículos novos que se adquiran con posterioridade. En todo caso, a data límite para a adquisición do vehículo será tamén o 31 de outubro de 2024.

Ademais, os beneficiarios da subvención asumen a obriga de ter adscrito o vehículo á autorización de transporte da serie VT-N antes do 1 de xullo de 2025.

Nos seguintes enlaces ao DOG pode consultarse toda a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231129/AnuncioG0533-211123-0003_gl.html  e https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231129/AnuncioG0533-211123-0004_gl.html

A Xunta, desde 2016, leva concedidos incentivos ao sector do taxi por máis de 5,4 millóns de euros que facilitaron a compra dun total de 926 vehículos. En concreto, baixo estes incentivos adquiríronse 282 vehículos adaptados, 613 taxis de baixas emisións e 31 de emisións cero.

Con estas axudas, o Goberno galego apoia aos profesionais do taxi, un sector que en Galicia dá emprego a preto de 3.500 familias e que presta un servizo esencial, favorecendo e garantindo a mobilidade da xente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2023