A delegada territorial da Xunta en Ferrol participou esta mañá no CEIP da Barqueira nun acto divulgativo do patrimonio xeolóxico da zona

Martina Aneiros pon en valor en Cerdido a riqueza xeolóxica do Ortegal durante a presentación do proxecto educativo do Xeoparque Cabo Ortegal

A iniciativa desenvólvese actualmente en seis centros educativos da comarca coa participación duns 200 alumnos e nos próximos meses estenderase ao resto de centros da contorna

O obxectivo do proxecto é dar a coñecer este xeoparque mundial fóra dos círculos especializados
 

Cerdido (A Coruña), 5 de decembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no CEIP da Barqueira, de Cerdido, na presentación do proxecto educativo do Xeoparque Cabo Ortegal que desenvolven actualmente os alumnos de 5º e 6º de Primaria do centro.

Trátase dunha iniciativa da Asociación para a xestión do Xeoparque Cabo Ortegal composta por tres unidades didácticas independentes que teñen como finalidade trasladar ao alumnado coñecementos específicos sobre o Xeoparque Cabo Ortegal declarado como tal pola Unesco este mesmo ano. A través destes contidos vinculados a este espazo os participantes tamén adquirirán competencias clave específicas nas materias de ciencias sociais e da natureza, xeografía, xeoloxía e bioloxía.

O obxectivo é dar a coñecer o xeoparque fóra dos círculos especializados e que sexa valorado polos arredor de 28.000 habitantes dos sete concellos implicados no proxecto e se converta nun referente divulgativo e turístico para o resto da poboación, sexa especialista ou non.

O proxecto educativo do Xeoparque Cabo Ortegal desenvólvese actualmente en seis centros educativos da comarca (CEIP da Barqueira, en Cerdido; CEIP San Ramón, en Moeche; CPi San Sadurniño; IES Cabo Ortegal e CEIP Manuel Fraga, de Cariño, e CPI Atios, de Valdoviño) coa participación de 200 alumnos. No próximo trimestre estenderase ao resto de centros da contorna.

A delegada territorial puxo en valor a riqueza xeolóxica da zona de Ortegal, que ofrece algunha das testemuñas máis completas de Europa da colisión que orixinou hai uns 350 millóns de anos o supercontinente Pangea e lembrou que o do Cabo Ortegal é o segundo xeoparque mundial co que conta Galicia, xunto ao das Montañas do Courel.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2023