A Xunta colabora co concello de Piñor na adquisición dun vehículo para a recollida e transporte de residuos

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, destacou que esta axuda enmarcase no Fondo de Compensación Ambiental, que este ano contou cun investimento de 8,2M€ a actuacións de protección ambiental no eido local

O apoio do Goberno galego a través deste fondo permitiu impulsar melloras nas contorna natural de 200 entidades locais, 93 delas na provincia de Ourense
 

Piñor (Ourense), 5 de decembro de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, comprobou a dotación adquirida polo concello de Piñor ao abeiro da liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) deste ano. Trátase dun vehículo para recollida e transporte de residuos financiado pola Xunta con 30.000 euros.

Tal e como lembrou a directora xeral, a convocatoria deste ano do Fondo de Compensación Ambiental ascende a 8,2 millóns de euros e permitiu apoiar accións coma estas en máis de 200 entidades locais da comunidade. Nesta liña, incidiu en que a meirande dos 93 concellos beneficiados na liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental son da provincia de Ourense, con 40 proxectos que suman un investimento de 1 millón de euros.

Só no que respecta ao concello de Piñor, a Xunta concedeu este ano tres axudas deste fondo. Ademais dos 30.000 euros destinados á compra deste vehículo, tamén se realizaron melloras no alumeado do núcleo de Torguedo e apoiáronse os gastos de funcionamento do servizo de protección medioambiental e do espazo natural da Mancomunidade de municipios da comarca do Carballiño, da que forman parte xunto co concello de Piñor os de Beariz, Boborás, O Irixo, Maside, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea. O investimento total nas tres actuacións ascende a máis de 47.400 euros do Fondo de Compensación Ambiental.

Natalia Prieto lembrou que co FCA fináncianse servizos municipais dedicados á protección do medio natural, incluíndo propostas destinadas a evitar a degradación ambiental, actuacións de eficiencia enerxética e enerxías renovables, a compra de vehículos con distintivo ambiental coma no caso de Piñor, a utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais ou intervencións en núcleos para integrar a contorna natural. Ademais, da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, destinada a concellos con parques eólicos, distribuíronse 5,7 millóns de euros entre 119 municipios beneficiarios.

Axudas específicas aos concellos

A directora xeral de Administración Local explicou que o Goberno galego convoca anualmente este Fondo de Compensación Ambiental e a Orde de Infraestruturas de uso público, xunto con outras medidas de apoio que este ano permitiron mobilizar 27,2 millóns de euros en máis de 600 proxectos. As achegas destas axudas dirixidas nos últimos anos ao concello de Piñor suman máis de 465.000 euros. A maiores, só o pasado ano, a localidade beneficiouse de 163.000 euros do fondo base de cooperación local.

 

Data de actualización: 05/12/2023