O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participan no acto de presentación que tivo lugar en Vigo

Arranca a terceira edición da aceleradora de empresas turísticas da Xunta, Turislab, que amplía vínculos con Portugal

Incorpórase ao Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal POCTEC incluíndo como socios a Comunidade Intermunicipal Alto Minho (CIM AM) e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa

Os emprendedores de Galicia e do Norte de Portugal no ámbito do sector turístico teñen aberto o prazo para presentar os seus proxectos nalgunha das categorías

Apóstase por proxectos tecnolóxicos, tamén os centrados na accesibilidade, no Camiño de Santiago, na gastronomía ou na sustentabilidade, entre outras
 

Vigo, 5 de decembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na terceira edición de Turislab, a aceleradora de empresas para o sector turístico liderada pola Xunta de Galicia e que este ano incorpora, entre algunhas das súas novidades, incorporará a presenza de Portugal. Así, xunto a Turismo de Galicia este ano estarán na iniciativa a Cámara de Comercio de Pontevedra Vigo e Vilagarcía de Arousa e a Comunidade Intermunicipal Alto Minho (CIM AM) ao adscribirse agora ao Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal-POCTEC, enmarcado na área de cooperación Galicia-Norte de Portugal.

Durante o acto, o director de Turismo salientou a excelente resposta das dúas edición anteriores nas que se conseguiu “formar e mentorizar ideas innovadoras do sector turístico galego, sempre coa colaboración dun equipo multidisciplinar de expertos en distintas áreas do coñecemento e o emprendemento e co respaldo de grandes empresa tractoras do ecosistema galego, así como de destacadas entidades colaboradoras”.

Recordou o crecente interese das edicións, pasando de pouco máis de 80 solicitudes o primeiros ano a superar as 110 na edición pasada. “Constatamos o interese crecente e a nosa intención sempre foi facilitar que se este talento galego dése lugar a novas empresas turísticas e conseguímolo con creces”, explicou. Neste sentido, confiou en que as novidades desta terceira edición contribúan a reforzar o papel de Turislab e agradeceu a colaboración dos socios portugueses.

Na presentación estiveron presentes a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias; a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz; o presidente da Cámara de Comercio Industria, Navegación e Servizos de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, José García Costas, e o primeiro secretario executivo da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (CIM AM), Bruno Caldas.

Tamén participaron Jacobo García Durán e Manuel García, director e director adxunto da edición deste ano de Turislab, que explicaron polo miudo o proceso de selección de participantes e cal será o programa de formación e capacitación dos seleccionados. Información que está xa dispoñible na web www.turislab.gal.

Xa está aberto o prazo para que os emprendedores de Galicia e do Norte de Portugal no ámbito do sector turístico presenten os seus proxectos de emprendemento no sector turístico nalgunha das categorías definidas nas bases de participación neste programa de aceleración.

En concreto, este ano apóstase por Travel Tech, tecnoloxía no eido das viaxes, Infraestructure Track e proxectos que fagan mais accesible o turismo especializado, e que tamén popularicen e creen infraestruturas, son algunas das categorías incluídas.

Tamén as propostas relacionadas co Camiño de Santiago, proxectos que fortalezan, diversifiquen, amplíen a oferta ou potencien o eixo de entrada do turismo en Galicia e o norte de Portugal; Social Tech, proxectos de negocios socialmente relevantes no campo dos viaxes e o turismo ou Sustentabilidade, proxectos cun impacto positivo no desenvolvemento sostible. Tamén se inclúen Gastro Tech, proxectos 360, do mundo gastronómico, que acheguen produtos locais, restauración, cultura e turismo e turismo de litoral, proxectos do sector turístico relacionados co turismo Náutico e do mar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2023