A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, rubricaron hoxe o documento cos representantes de CIG, CC.OO, CSIF e UXT

Xunta e sindicatos asinan un acordo que mellora as condicións laborais nos centros de servizos sociais de xestión propia

Arredor de 4.000 profesionais verán incrementadas as súas retribucións e o tempo de descanso

Ademais, convértense a xornada completa 145 postos de traballo que ata agora eran a tempo parcial
 

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asinaron hoxe cos representantes dos traballadores o acordo acadado o pasado mes de agosto que mellora as condicións de traballo do persoal dos centros de servizos sociais de xestión propia. Arredor de 4.000 profesionais verán incrementadas as súas retribucións e o tempo de descanso grazas a este acordo que esta mañá rubricaron os catro sindicatos que forman parte da mesa de negociación: CIG, CC.OO, CSIF e UXT.

O documento asinado é o resultado do diálogo mantido coas centrais sindicais pola Dirección Xeral de Función Pública da Consellería de Facenda e Administración Pública e a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude. O acordo permitirá unha reorganización máis axeitada da prestación dos servizos, en beneficio tanto do persoal como das persoas usuarias dos centros, con quendas máis homoxéneas e equilibradas entre o tempo de traballo e o de descanso.

Ademais, o texto contempla máis compensacións económicas e días de descanso polo traballo en domingos, festivos e datas especialmente sinaladas, tales como noiteboa, nadal, noitevella, aninovo e reis. Tamén recolle unha redución de tres horas de xornada por cada noite traballada e a conversión a xornada completa de 145 postos de traballo que ata agora eran a tempo parcial.

O acordo publicarase nas vindeiras datas no Diario Oficial de Galicia (DOG) para a súa entrada en vigor. Terá vixencia ata o 31 de decembro do ano 2026, coa posibilidade de prorrogarse anualmente se así o queren as partes.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2023