A Xunta amplía o prazo para que os concellos xustifiquen as axudas para a adquisición de vehículos e para melloras de accesibilidade de espazos públicos

Destínanse máis de dous millóns de euros para avanzar na supresión de barreiras en concellos e mancomunidades que conten cun censo máximo de 10.000 habitantes

A orde para a adquisición de vehículos conta cun millón de euros de orzamentos e permítelles adquirir vehículos de emisión cero, eco ou etiqueta C

As Administracións locais poderán xustificar estas axudas ata o mes de maio, no caso da orde de vehículos, e de marzo no caso das de accesibilidade
 

Crecente (Pontevedra), 4 de decembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a ampliación de prazo para que os concellos xustifiquen as axudas para a adquisición de vehículos destinados a servizos sociais e para melloras de accesibilidade de espazos públicos. A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou hoxe Crecente, un dos concellos que resultou beneficiado destas axudas para comunicarlle este cambio no procedemento.

A través da orde de accesibilidade, destinada a concellos cun censo máximo de 10.000 habitantes, os concellos e as mancomunidades beneficiarios contarán con axudas para a mellora da accesibilidade e a supresión de barreiras en edificios, instalacións, equipamentos e espazos públicos. As Administracións locais teñen agora de prazo ata o mes de maio para xustificar estas actuacións que terán un prezo máximo de 48.400 euros.

Pola súa banda, tamén se amplía o prazo para xustificar as axudas para a adquisición de vehículos de servizos sociais ata o mes de maio. Estas axudas permitirán que as Administracións locais beneficiarias poidan adquirir coches de emisión cero, eco ou etiqueta C que melloren o funcionamento dos seus servizos e centros sociais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/12/2023