A Xunta informa en Vilaboa da nova convocatoria do Bono Enerxía Peme

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou a Rectoral de Cobres, beneficiaria do programa

Vilaboa (Pontevedra), 4 de decembro de 2023

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a Rectoral de Cobres, en Vilaboa, un dos establecementos que resultou beneficiario este ano do programa Bono Enerxía Peme da Xunta de Galicia.

Grazas á axuda recibida, este local renovou a climatización, o que lle permitirá conseguir un aforro enerxético do 80 % do consumo con respecto ao que realizaba co anterior equipo. Ademais, tamén instalou un toldo branco de protección solar que impide a radiación directa co que se diminúe o consumo da climatización e a sensación térmica.

Tal e como explicou Fernández Vila, na provincia de Pontevedra apoiáronse, en 2023, un total de 350 actuacións, cunhas axudas de máis de 1,5 M€ e que mobilizaron 2,4 M€.

O director xeral informou da nova convocatoria do programa Bono Enerxía Peme que abrirá o prazo de solicitudes o vindeiro 10 de xaneiro. A nova edición destinará 3 M€ para facilitar a mellora das instalacións enerxéticas de ao redor de 700 pemes e autónomos. O programa aspira a mobilizar 7 M€ de investimentos, así como unha redución do consumo duns 3.400 MWh ao ano, unha diminución de emisións equivalente a acción de plantar 51.000 árbores e a creación ou mantemento de 58 postos de traballo.

As axudas cubrirán a instalación de elementos de control solar e térmico; a renovación de equipos de iluminación interior e exterior -incluíndo rótulos e escaparates-, por outros que utilicen tecnoloxía LED; a mellora de eficiencia enerxética en instalacións eléctricas garantindo unha subministración con calidade e fiabilidade; a renovación de equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras; equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria; e sistemas domóticos e inmóticos para xestionar a enerxía e o gasto de forma eficiente. Ademais, mantense a axuda para asesoramento enerxético, consistente na realización de diagnoses e auditorías enerxéticas.

A intensidade de axuda será do 80 % ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo. A axuda do bono asesoramento enerxético non computa a efectos deste límite máximo. Ademais, os beneficiarios poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % da axuda sen necesidade da presentación de avais. 

Esta é a cuarta convocatoria deste programa que, ata o momento, xa apoiou máis de 2.400 actuacións cunha axuda de 10,17 M€ e que pretende reducir os custos enerxéticos de pemes e autónomos nun contexto de elevado prezo enerxético para aumentar a súa competitividade. Á vez, contribúese a aumentar a seguridade das instalacións, mellorar o medio ambiente e proporciónanse as ferramentas necesarias para avanzar na descarbonización.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/12/2023