O conselleiro do Medio Rural mantivo hoxe un encontro coa veciñanza deste concello ourensán para explicar as vantaxes desta norma para mobilizar o territorio agrario

A Xunta estuda o desenvolvemento das figuras da Lei de recuperación da terra agraria en San Cristovo de Cea

José González destacou a importancia da Lei de recuperación da terra á hora de avanzar na dinamización socioeconómica e a posta en valor do territorio agrario e forestal que se atopa en situación de abandono e infrautilización

Puxo de relevo que no vindeiro ano poranse en funcionamento os primeiros polígonos agroforestais -Oímbra e Cualedro- ou as agrupacións forestais de xestión conxunta, vencelladas a plans piloto para a recuperación de soutos tradicionais

Tamén sinalou que as 21 aldeas modelo aprobadas xa estarán en marcha no 2024 e que na de Muimenta, en Carballeda de Avia, crearase o primeiro espazo agrario de experimentación

San Cristovo de Cea (Ourense), 2 de decembro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, mantivo hoxe un encontro coa veciñanza desta localidade ourensá. O obxectivo deste encontro foi afondar nas vantaxes da Lei de recuperación da terra agraria e das ferramentas que nela se recollen.

 

O conselleiro remarcou a importancia desta medida para potenciar a actividade económica e social no rural, especialmente nos terreos que se atopan en situación de abandono e infrautilización, así como dos núcleos que se inclúen neles.

 

En definitiva, sinalou, o fin destas ferramentas como son os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, as agrupacións de xestión conxunta e as permutas de especial interese agrario, é impedir ou reverter o abandono do rural ao mesmo tempo que protexen o medio ambiente, creando emprego e apoiando á prevención e defensa fronte aos incendios forestais.

 

Novidades para o 2024

O conselleiro definiu o 2024 como uno clave para a consolidación das ferramentas recollidas nesta norma. Así, José González destacou que no vindeiro ano poranse en funcionamento -licitándoos para aluguer ou venda- os primeiros polígonos agroforestais, que serán os de Oímbra e Cualedro, ambos na provincia de Ourense. De cara ao futuro, reiterou o compromiso da Xunta de axilizar estes procesos o máximo posible.

 

No vindeiro ano tamén se activarán as primeiras agrupacións forestais e xestión conxunta, vinculadas a plans piloto para a recuperación de soutos tradicionais. Neste caso, localizaranse nos concellos ourensáns do Bolo, onde haberá dous, Parada de Sil e A Veiga, e nos lucenses do Incio, Paradela e Folgoso do Courel.

 

No caso das aldeas modelo, sinalou, as 21 aprobadas estarán en funcionamento no próximo ano e estarán listos catro plans de dinamización. Ademais, porase en marcha o primeiro centro de experimentación agraria, na aldea modelo de Muimenta, no concello ourensán de Carballeda de Avia. Todo iso, ao mesmo tempo que se seguen potenciando as permutas de especial interese agrario.

 

O conselleiro do Medio Rural destacou que a Xunta destinará no 2024 arredor de 13 millóns de euros para continuar impulsando os instrumentos recollidos na Lei de recuperación da terra agraria e os proxectos vencellados a ela. Un total de 7,4 millóns de euros empregaranse nos polígonos agroforestais e as aldeas modelo; 2,4 millóns serán para impulsar as agrupacións de xestión conxunta e 3 para proxectos vinculados a estas ferramentas, como son os plans de dinamización e outras iniciativas innovadoras.

 

Impacto da Lei de recuperación da terra agraria

José González destacou que grazas a esta lei, en vigor desde 2021, e co labor das concentracións parcelarias, a Xunta mobilizou máis de 35.000 hectáreas en toda a comunidade no que vai de lexislatura.

 

Só en polígonos agroforestais, Galicia conta con 26 en distintas fases de execución, dos cales 17 se atopan na provincia de Ourense, permiten a posta en valor de 9.100 hectáreas distribuídas en case 30.000 parcelas propiedade de máis de 8.200 veciños. No caso das aldeas modelo, son 21 as aprobadas en todo o territorio galego e 14 atópanse na provincia ourensá.

 

Por último, o titular do Medio Rural quixo recalcar que todas as accións vinculadas á Lei de recuperación da terra agraria teñen o claro obxectivo de dinamizar o territorio, xerar actividade económica para que sexa posible vivir no e do rural, e tamén para anticiparse aos incendios forestais e diminuír os danos que poidan causar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/12/2023