O presidente da Xunta asiste a Gala das empresas ourensás, organizada pola Confederación de Empresarios de Ourense
Rueda eloxia o compromiso e a lealdade do tecido empresarial galego na defensa dos intereses da comunidade
Destaca a “honestidade e o traballo” das organizacións empresariais e as compañías galegas, que “son as que moven a economía”
Agradece que “alcen a voz” para reivindicar “o que lle corresponde “ á comunidade
Salienta a estabilidade que ofrece a Xunta ao garantir que Galicia terá os orzamentos de 2024 en vigor desde o 1 de xaneiro
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, eloxiou hoxe o compromiso e o traballo diario do tecido socieconómico galego e das organizacións empresariais na defensa dos intereses da comunidade. Durante a Gala das empresas ourensás, organizada pola Confederación de Empresarios de Ourense, o titular do Goberno autonómico destacou a “honestidade, lealdade e o traballo” das firmas galegas que “son as que moven a economía”.
Durante o acto, no que estivo acompañado da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e do titular do Medio Rural, José González, o presidente agradeceu o apoio dos empresarios “para reivindicar o que a Galicia lle corresponde”. “Grazas por esa voz que se alza valente, moleste a quen moleste, cando se nos negan cousas que nos corresponden e se están dando noutros lugares”.
A Xunta aposta por dar estabilidade, certezas e facilidades ás empresas para que invistan en Galicia. Unha forma é dispoñer dos orzamentos en tempo e forma. Nesta liña, Rueda salientou que o Goberno galego garante que a comunidade terá, como cada ano, os seus orzamentos para 2024 en vigor desde o 1 de xaneiro.
Ademais, o Goberno galego busca promover a actividade empresarial a través de iniciativas como os Polos de Emprendemento –con tres en marcha na provincia de Ourense e un máis en carteira–, a mellora e modernización das Oficinas de Emprego e a Estratexia Retorna para atraer o talento dos galegos do exterior que queiran regresar á comunidade.
Premiados
A Confederación de Empresarios de Ourense fixo entrega dos seus galardóns anuais durante esta gala. En concreto, Amarelante Sociedade Cooperativa Galega recibiu o Premio Empresa Sostible; Grafitos Barco o Premio Empresa Familiar; Calzados Delfín o Premio Comercio; Adventus Plus o Premio Responsabilidade Social; o Grupo Rural Manager o Premio Empresa Innovadora; e Gri Towers Galicia foi galardoado co distintivo á internacionalización empresarial que leva o nome de José Manuel Pérez Canal.