Lorenzana e o alcalde de Rianxo exploran vías de colaboración para impulsar o tecido industrial do municipio
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro co rexedor do concello coruñés no que se valorou a posibilidade de desenvolver proxectos que poidan resultar estratéxicos para a zona
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reuniuse co alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, co obxectivo de explorar vías de colaboración para impulsar o tecido empresarial e as infraestruturas industriais do municipio coruñés.
No encontro valorouse a posibilidade de desenvolver proxectos que poidan resultar estratéxicos para a zona, no marco da nova Estratexia de Política Industrial de Galicia. Esta inclúe a posta en marcha dun Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, co obxectivo de facer da Comunidade un polo de emprendemento industrial capaz de atraer investimentos garantindo as máximas facilidades na tramitación.
Tamén se contempla a elaboración dun mapa industrial da Comunidade e de plans directores para os diferentes sectores, incluíndo a información sobre a implantación actual dos distintos sectores en Galicia, co fin de fomentar as sinerxías entre as distintas actividades industriais. Ademais, contemplará información xeral sobre as infraestruturas esenciais e necesarias para a implantación dos proxectos.