A Xunta activa este domingo dúas liñas de autobús especiais para asistir aos partidos do Racing Club de Ferrol desde Caranza e Narón ata o Estadio da Malata

Este novo servizo lanzadeira comezará esta mesma fin de semana e despregarase en todas as xornadas que se disputen partidos na cidade, para facilitar a asistencia

Este domingo habilítanse dous servizos de ida e dous de volta tanto para Narón como para Caranza, con horarios adaptados ás horas da celebración do evento

A Xunta fomenta e ofrece mellores alternativas de viaxe en transporte público, co obxectivo de diminuír o tráfico e o impacto ambiental
 

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2023

A Xunta activa a partir deste domingo dúas liñas de autobús especiais para asistir aos partidos do Racing Club de Ferrol desde Caranza e desde Narón ata o estadio da Malata.

Este novo servizo lanzadeira, que comezará esta mesma fin de semana, despregarase en todas as xornadas que o Racing Club de Ferrol dispute partidos na cidade, co obxectivo de favorecer a asistencia de público en transporte público.

En concreto, son dúas expedicións de ida e dúas de volta, tanto para Caranza como para Narón, con horarios adaptados aos eventos deportivos, en función do inicio e do remate do partido.

Para a ida, no caso de Caranza, a primeira expedición sairá unha hora e media antes do inicio do partido e a segunda, media hora antes do comezo do partido.

No caso de Narón, unha delas sairá cunha antelación de dúas horas e a seguinte cunha hora e cinco minutos. Por outra banda, para a volta, os servizos sairán do Estadio da Malata 10 minutos despois e tamén 30 tras o remate do partido para cada un dos lugares.

Os puntos de paso da liña que conecta Caranza co Estadio da Malata son os 12 seguintes: Caranza, Masaia, Instituto Carballo Calero, Auditorio, Antonio Escaño, Telleiras, Esteiro, Avenida de Esteiro, Praza de Galicia, Praza Vella, Porto e Estadio Malata.

No caso da conexión de Narón co estadio da Malata, contémplanse 18 paradas: Concello de Narón, Alto Castiñeiro, A Ferrolana, Colexio Chamorro, Vivendas da Mariña Narón, Castelos, Rotonda San Xoán, San Xoán, Faxardo Ec, O Inferniño, P. Pérez Villamil, Euskadi, Campus Univ. Esteiro, Avenida de Esteiro, Praza de Galicia, Praza Vella, Porto e Estadio Malata.

O horario destes servizos especiais para as próximas xornadas irán concretándose a medida que se vaia coñecendo a data e horario sinaladas para cada partido que o Racing de Ferrol dispute como local.

A Xunta, coa posta en marcha destes servizos especiais está a facilitar mellores alternativas de viaxe en transporte público, diminuíndo o tráfico e con isto o impacto ambiental.

Os menores de 21 anos poden viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova, ao igual que fan en todos os autobuses da Xunta.

Os demais usuarios do transporte público da Xunta poden beneficiarse dos descontos do emprego da Tarxeta de Mobilidade de Galicia, TMG.

A información dos horarios dos servizos e as súas paradas poderán ser consultadas na web www.bus.gal.

Data de actualización: 01/12/2023