A Xunta apoia unha nova edición do Concurso de Corda “Cidade de Vigo” como “referente nacional” para os novos talentos da música

A delegada territorial, Ana Ortiz, participou este venres na presentación do certame que se celebrará entre o 6 e o 9 de decembro no Conservatorio Superior de Música

Vigo, 1 de decembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou este venres na presentación do XII Concurso de Corda “Cidade de Vigo” organizado pola Asociación Galega de Instrumentos de Corda (AGIC) co apoio da Xunta de Galicia. “O concurso xa está consolidado como un referente nacional para os novos talentos da música, pero o máis importante é sen dúbida o que representa na faceta do crecemento persoal dos estudantes”, sinalou a representante autonómica.

 

Segundo explicou, o concurso celebrarase entre o 6 e o 9 de decembro no Conservatorio Superior de Música. Hai 60 estudantes de corda inscritos, o que supón un récord, procedentes de España, pero tamén de Portugal. Poderán participar todos os novos violinistas, violonchelistas e contrabaixistas que cursen ou cursaran estudos de música en institucións de educación musical públicas ou privadas de España ou Portugal.

 

O concurso constará de dúas roldas nas súas distintas categorías e as audicións serán públicas. As horas de cada unha das audicións e a información do certame pode consultarse na web da asociación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/12/2023