A misión salvadoreña que visita Galicia recaba da Xunta medidas de xestión do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola que replicar no seu país

Santiago, 01 de decembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, recibiu hoxe á delegación salvadoreña que, na última semana, percorre a costa de Galicia invitada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar para coñecer de cerca o funcionamento dos sectores pesqueiro, acuícola e marisqueiro. Esta misión está conformada por Edgar Ferman Palacios, director xeral do Centro de Desenvolvemento da Pesca e Acuicultura (Cendepesca), do Ministerio de Agricultura e Gandería (MAG) do Salvador; José Santos, presidente da Confederación Salvadoreña de Pesca, Acuícola e Agropecuaria (Confepesca) e presidente da Federación de Cooperativas Acuícolas de La Paz (Fecoopaz); e Rosa Sandoval, secretaria e membro do comité de xestión de cooperación en Confepesca.

No encontro co conselleiro e outros responsables do departamento de Mar da Xunta os representantes salvadoreños quixeron coñecer os detalles da regulación, xestión e medidas de fiscalización que rexen para a actividade marítimo-pesqueira galega co obxectivo de levar as boas prácticas para o seu país. No comercio exterior de produtos da pesca entre Salvador e Galicia destacan as importacións da comunidade, con máis de 51 millóns de euros no ano 2022, un 6% superiores ás do ano anterior, coas conservas como un dos principais capítulos. As exportacións sitúanse en millón e medio de euros, aínda que case duplican as do exercicio precedente.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 01/12/2023