Trenor participa na mesa de traballo en Santiago para elaborar a nova estratexia turística de Galicia 2024-2030

En colaboración co Clúster de Turismo, nestes encontros búscase extraer a diagnose previa que servirá de base para esta folla de ruta da Xunta de Galicia

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2023

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou na mesa de traballo, organizada en Santiago de Compostela con representantes dos concellos de Terras da Comarca de Ordes-Terras de Santiago-Ulla-Tambre-Mandeo, coa que se está  elaborar a nova estratexia turística 2024-2030. Esta folla de ruta pretende planificar con previsión e afianzar o modelo galego con medidas orientadas á sustentabilidade e a dixitalización, entre outros aspectos. Trenor destacou que esta mesa é a penúltima do programa que rematará cun acto de balance nas vindeiras semanas.

A través destas mesas de traballo a Xunta comeza a traballar xa, en colaboración co Clúster de Turismo de Galicia e coas tres universidades galegas, no proceso de diagnose previo que permitirá coñecer de xeito analítico e, desde unha visión de conxunto, o estado de situación do turismo en Galicia.

Trenor explicou que durante estes meses convocáronse as mesas de traballo nas que participan distintos axentes públicos e privados do sector. Alí expóñense as necesidades e retos para os vindeiros anos. Recóllese tamén información sobre a diversidade de perspectivas e desafíos que enfronta o turismo nas diferentes zonas da comunidade.

Coa intención de dar cabida a todos os profesionais do sector turístico, esta información completarase coa recompilada a través dun cuestionario online no que poderán recoller a súa visión e suxestións. Por outra banda, para elaborar esta nova estratexia de turismo contarase tamén co aval científico das tres universidades galegas en coordinación coa Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia, que realizarán unha análise científica sobre a oferta, a demanda e a cadea de valor do sector turístico en Galicia.

Galicia Destino Seguro

O Goberno autonómico continúa así planificando o seu modelo turístico nun momento que, como constatan as cifras do Instituto Nacional de Estatística (INE), se está a recuperar o dinamismo tras a pandemia.

Durante este tempo o Goberno galego contou coa folla de ruta elaborada no contexto pandémico e lanzada no ano 2021, Galicia Destino Seguro, que está vixente ata decembro. Entre outros aspectos, permitiu impulsar coa maior celeridade posible a reactivación turística de Galicia tras a crise sanitaria provocada pola covid-19 e recuperar nalgúns casos indicadores de ocupación e rendibilidade anteriores á pandemia.

Datos turísticos

No encontro Trenor resaltou que Galicia está a reforzar o seu atractivo turístico fóra de temporada alta como demostran os datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) referidos ao mes de outubro en hoteis e pensións. A comunidade galega rexistrou ese mes algo máis de 493.000 viaxeiros aloxados no sector hoteleiro que fixeron preto de 895.000 noites, cifras que superan os valores do ano pasado nun 7,7 % en un 4,5 % respectivamente. Son os niveis máis altos acadados nun mes de outubro desde que hai rexistros.

Este crecemento fai que Galicia avance na súa desestacionalización, como xa se viña mantendo nos primeiros cinco meses do ano, cando se rexistraron niveis de demanda hoteleira que con crecementos entre o 34 % e o 5 % entre xaneiro e maio.

O delegado da Xunta indicou que o turismo en Galicia está a vivir un “bo momento de xeito cuantitativo pero tamén cualitativo”,  xa que o sector hoteleiro mellorou en outubro nun 10 % nos niveis de rendibilidade, en comparación cos datos do pasado ano. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais nominais de 39,6 millóns de euros en outubro (un 13,4 % máis que o ano pasado), e tamén superior ao valor previo á pandemia, de setembro de 2019, cando se facturaban 29 millóns de euros no segmento hoteleiro da comunidade. Polo que se trata das cifras máis altas da serie histórica de outubro.

Estes resultados fanse extensivos tamén ao acumulado do ano, no que, segundo os datos do INE, a rendibilidade hoteleira tamén está a medrar nos nove primeiros meses do ano, neste caso un 7 %. As cifras globais de viaxeiros e noites completaranse cando o INE contabilice tamén os datos do resto de establecementos de aloxamento (establecementos de turismo rural, cámpings, albergues, apartamentos e vivendas turísticas) na súa enquisa de establecementos extrahoteleiros que dará a coñecer en decembro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/12/2023