A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse hoxe co tecido empresarial para abordar o futuro do parque empresarial

A Xunta adxudicará nas vindeiras semanas as obras de urbanización que permitirán ampliar en preto de 220.000 M2 o polígono industrial das Gándaras

Ángeles Vázquez explica que os traballos para acondicionar as 3 novas fases desta área empresarial comezarán a comezos de 2024 e garantirán a posta á disposición das empresas da zona de 38 parcelas de uso industrial e con todos os servizos

Salienta o grande interese que espertou o contrato de urbanización, licitado a finais de setembro por 8,5 M€ e ao que se presentaron un total de 16 ofertas

O investimento realizado polo Goberno galego nas Gándaras ata o momento, entre custos de adquisición de terreos, traballos técnicos e urbanización, supera os 56 M€

Lugo, 1 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia adxudicará nas vindeiras semanas as obras de urbanización que permitirán ampliar o parque empresarial das Gándaras, en Lugo, coa incorporación de preto de 220.000 metros cadrados.

Así o anunciou esta mañá a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante o encontro que mantivo con cargos directivos da Asociación de empresarios do polígono do Ceao e das Gándaras e cunha trintena de representantes do tecido industrial lucense, no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na provincia, Javier Arias, e o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García.

Cun prazo de execución estimado en 15 meses, ten como fin acometer os traballos de urbanización correspondentes ás fases IV, V e VII-a do polígono, que abranguen unha superficie total de 218.472 metros cadrados e dos cales o 71% se reservará a habilitar novas parcelas de uso industrial.

Tras lembrar que as obras foron licitadas a finais de setembro por un orzamento base de 8,5 millóns de euros, Ángeles Vázquez salientou o grande interese que espertou este contrato, ao que, de feito, se presentaron un total de 16 ofertas.

Así, indicou que nestes momentos se está a analizar a documentación presentada polos licitadores co obxectivo de adxudicar nas vindeiras semanas a execución das obras. Deste xeito, a vicepresidenta explicou que os traballos para acondicionar as 3 novas fases comezarán no primeiro trimestre de 2024 e garantirán a posta á disposición das empresas da zona de 38 parcelas de uso industrial, dotadas con todos os servizos.

De feito, os terreos da fase VII-a xa foron adxudicados de forma directa á empresa Norvento en abril deste mesmo ano a través da declaración como proxecto empresarial singular da nova fábrica vinculada ao sector das renovables que ten proxectada nas futuras parcelas e coa que completará as súas dependencias actuais nas Gándaras.

Ademais, a vicepresidenta tamén explicou que, co fin de axilizar a implantación de novas empresas e en paralelo á urbanización, no primeiro semestre de 2024 está prevista a convocatoria dun concurso público no que se incluirán todas as parcelas previstas nas fases IV e V —25 e 11 respectivamente— para poñelas á disposición das empresas coa posibilidade de beneficiarse de bonificacións do 50% sobre o prezo de venda.

Por último e en resposta á demanda do empresariado lucense con relación ás conexións viarias do polígono, a vicepresidenta comprometeuse a que a Xunta seguirá insistindo ante o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible na necesidade da conexión coa Ronda Norte, xa que o volume de tráfico que está alcanzando esta área industrial fai prioritario e urxente acadar un compromiso ao respecto por parte do Goberno do Estado.

Execución en 9 fases

Cómpre lembrar que o proxecto sectorial para o desenvolvemento do parque das Gándaras foi aprobado en 2007 e sufriu nos anos posteriores 3 modificacións, coa finalidade principal de adaptar o tamaño dos terreos e a distribución de usos ás necesidades do tecido empresarial e ás demandas detectadas.

A súa execución comprende un total de 9 fases de urbanización cun ámbito bruto de 2,1 millóns de metros cadrados, dos que aproximadamente a metade está previsto que se destinen a albergar 268 parcelas de uso industrial.

Ata o momento a Xunta leva investidos nesta área industrial lucense ao redor de 56 millóns de euros entre o custo de adquisición dos terreos —que se compraron na súa totalidade entre 2007 e 2009—, das obras de urbanización das tres fases que xa se atopan en servizo (I, II e III) e dos traballos técnicos, taxas e outros trámites. Ademais, As Gándaras é un dos polígonos galegos nos que o Goberno galego adxudicou máis solo industrial, cun total de 488.000 metros cadrados repartidos en 149 parcelas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/12/2023