A Xunta inicia a execución de actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Alvedosa no concello de Pazos de Borbén

Os treitos obxecto das intervencións acadan unha lonxitude total de case 1,5 km

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

A entidade hidráulica da Xunta continúa a traballar na mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Alvedosa, no concello de Pazos de Borbén.

Estas tarefas desenvólvense en dous treitos que suman unha lonxitude total de 1.426 metros, no percorrido deste río polo lugar do Carballiño, na parroquia de San Sadurniño de Amoedo.

Os traballos céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, o río Alvedosa quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección.

A Xunta mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/12/2023