A Xunta reforza o material dos servizos de emerxencias de seis concellos ourensáns coa entrega de desfibriladores

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou no acto de cesión das dotacións a San Cibrao das Viñas, Nogueira de Ramuín, Vilamarín, Trasmiras, Riós e O Barco de Valdeorras
 

Forman parte da liña de axudas dirixida a concellos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil
 

Ourense, 1 de decembro de 2023

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou hoxe na entrega de desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) aos concellos de San Cibrao das Viñas, Nogueira de Ramuín, Vilamarín, Trasmiras, Riós e O Barco de Valdeorras. A cesión ten como obxectivo reforzar o material dos servizos de emerxencias municipais destas localidades. 

O equipamento entregado inclúe un desfibrilador externo cun mínimo de dous xogos de parches de electrodos, un xogo de dúas baterías, cable de conexión a porto USB, kit de reanimación cardio-pulmonar e mochila impermeable.  

O DESA é un aparato electrónico portátil sinxelo de manexar que identifica e trata a parada respiratoria. A súa efectividade radica na identificación automática da fibrilación ventricular ou a unha taquicardia ventricular sen pulso restablecendo un ritmo cardíaco efectivo eléctricamente. É moi eficaz para a maior parte dos chamados paros cardíacos, que na súa maior parte son debidos a que o corazón fibrila e o seu ritmo non é o adecuado, estes equipos basicamente devolven o ritmo adecuado ao corazón. 

A través desta entrega, a Xunta dota ás AVPC dun recurso para actuar dunha maneira coordinada cos profesionais do 061, conseguindo gañar tempo na atención ante unha parada cardíaca, ao intentar que o paciente aguante á chegada dos servizos profesionais. 

Complétanse así as dotacións enmarcadas na convocatoria de axudas de 2022 dirixida a concellos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). De feito, os seis concellos ourensáns que recolleron hoxe o equipamento súmanse aos 40 que xa recibiran este material o pasado marzo, sendo a provincia con máis entidades locais beneficiarias nesta convocatoria.  

Compromiso cos servizos de emerxencias municipais

Santiago Villanueva explicou que aínda que as competencias directas dos servizos de emerxencias son de carácter local, a Xunta mantén o compromiso coas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Galicia, 235 na actualidade, dotándoas dos medios axeitados. Trátase así de “garantir a seguridade de toda a poboación galega e prestar un servizo uniforme en toda a comunidade”, apuntou. 

Segundo sinalou, nos últimos anos o investimento da Xunta na dotación de material e equipamento para os servizos de emerxencias da comunidade -AVPC e GES- acada os 26 millóns de euros. A contía máis destacada vai destinada ás agrupacións de Protección Civil, con 14 millóns de euros en equipamento. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/12/2023