A Xunta somete a información pública o proxecto de mellora de 62 paradas de autobús en estradas autonómicas nas rutas de acceso a Santiago, que suporá un investimento de máis de 1 M€
As obras levaranse a cabo nas paradas situadas en vías autonómicas ao paso polos concellos de Boiro, Carnota, Dodro, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e A Pobra do Caramiñal
As actuacións consisten na mellora dos apartadoiros para autobuses e as cuñas de entrada e saída, e no acondicionamento dos itinerarios peonís na zona das paradas
Colocaranse refuxios e efectuaranse melloras do pavimento nas contornas das paradas
O prazo para presentar achegas permanecerá aberto deste mañá e ata o vindeiro 18 de xaneiro
A Xunta ten previsto actuar en máis de 1.100 paradas das estradas autonómicas cun investimento global de arredor de 35 M€
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de mellora de 62 paradas de autobús situadas en estradas autonómicas nas rutas de acceso polo suroeste á cidade de Santiago.
A Xunta destinará un investimento de máis de 1 millón de euros ás intervencións nestas paradas de autobús.
As persoas interesadas poderán presentar as súas achegas a este proxecto no prazo de trinta días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación deste anuncio, é dicir, ata o vindeiro 18 de xaneiro.
No seguinte enlace ao Diario Oficial de Galicia tamén se pode consultar a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231201/AnuncioG0181-221123-0001_gl.html
As obras desenvolveranse nas estradas AC-550, AC-543 e AC-305. Actuarase, concretamente, no municipio da Pobra do Caramiñal en 3 paradas; en Boiro, en 6; en Carnota, en 5; en Dodro, en 2; en Muros, en 11; en Noia, en 6; en Outes, en 4; en Porto do Son, en 11; en Rianxo, en 3; e en Ribeira, en 11.
As actuacións consisten, entre outras, na mellora dos apartadoiros para os autobuses e as súas cuñas de entrada e saída, así como no acondicionamento dos itinerarios peonís. Tamén se realizarán melloras do pavimento nas contornas das paradas.
O proxecto abrangue a colocación de refuxios deseñados pola Dirección Xeral de Mobilidade, maioritariamente de tipo urbano, agás casos puntuais que serán de tipo rural, en función do lugar onde se encontre a parada, mellorando o equipamento, con postes, bancos ou apoio isquiático.
Con estas melloras preténdese fomentar o uso do transporte público, diminuíndo os movementos de corto e medio percorrido en transporte privado, con orixe e/ou destino nas cidades de maior poboación.
Estas intervencións son susceptibles de financiación con fondos FEDER do período operativo 2021/2027 e súmanse ás financiadas ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU.
A Xunta ten previsto actuar en máis de 1.100 paradas das estradas autonómicas cun investimento global de arredor de 35 M€.