A Xunta adxudica por 1 M€ a execución das obras da nova senda na estrada PO-546 no treito urbano de Marín

Dáselle continuidade á humanización desta vía, actuando entre as rúas da Estrada e da Roda e nas rúas Concepción Arenal e da Ponte
 

Avánzase na transformación integral da PO-546, tras executarse xa a humanización da rúa Concepción Arenal entre a rotonda das Anclas e rúa Real de Cantodarea
 

Os traballos centraranse na construción de beirarrúas cun ancho mínimo de 2 metros, na reposición de firmes e na dotación de pasos de peóns sobreelevados
 

A Xunta está a destinar un investimento de case 10 M€ para transformar a antiga estrada entre Pontevedra e Marín nun itinerario de mobilidade sostible e segura
 

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2023

A Xunta vén de adxudicar por 1.005.086 euros a execución das obras da nova senda na estrada autonómica PO-546 no treito urbano de Marín. 

Esta intervención, adxudicada á empresa Oresa Construcción y Servicios Globales, S.L., enmárcase no proxecto de transformación que se está a acometer nesta vía, como a obra xa executada de humanización da rúa Concepción Arenal, entre a rotonda das Anclas e rúa Real de Cantodarea.  

Coa obra obxecto deste novo contrato darase continuidade e completaranse os treitos xa humanizados da antiga travesía da PO-546.  

Deste xeito, a empresa adxudicataria actuará en tres treitos urbanos de Marín: 129 metros da beirarrúa da rúa Concepción Arenal, entre as rúas da Estrada e da Roda; 360 metros da rúa Concepción Arenal, entre a rúa da Estrada e a rotonda das Áncoras; e 204 metros da rúa da Ponte, é dicir, en toda a súa lonxitude. 

Os traballos consistirán na execución de beirarrúas cun mínimo de 2 metros de ancho, sempre que sexa posible, no fresado e reposición de firmes e na execución de pasos de peóns sobreelevados. Nos pasos de peóns e nos extremos executaranse vaos peonís con pavimento podotáctil co fin de facilitar a accesibilidade. 

A actuación obxecto deste contrato tamén inclúe a disposición de novo alumeado e a reposición da sinalización e balizamento, así como a colocación de novos sumidoiros e a reposición dos servizos afectados. 

Esta intervención forma parte dos proxectos impulsados pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas.

Neste caso, o Goberno galego está a destinar un investimento global de preto de 10 millóns de euros para transformar a antiga estrada entre Pontevedra e Marín nun itinerario de mobilidade sostible e segura para peóns e ciclistas.
Data de actualización: 01/12/2023