A directora xeral de Patrimonio Natural respondeu no Parlamento a dúas preguntas sobre a aplicación da norma estatal

A Xunta reitera a necesidade de modificar a Lei de benestar animal do Estado para facela aplicable e asumible para as comunidades autónomas e concellos

O Executivo galego censura que a normativa do Goberno central vai máis aló do que debería ser unha lexislación básica sen atender as alegacións das partes implicadas e xerando numerosas críticas dos distintos sectores afectados

Belén do Campo lamenta que a norma establece numerosas obrigas para as administracións autonómicas e locais, pero non se acompaña dunha partida orzamentaria que contribúa ao seu cumprimento

A directora xeral urxe a corrixir as incoherencias existentes no texto e cuestións como un réxime sancionador desproporcionado que son difíciles de asumir para comunidades como Galicia que teñen xa moito avanzado neste eido

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia considera necesario que o Goberno central proceda ao desenvolvemento normativo da Lei de benestar animal estatal e incluso proceda á súa modificación tanto para aclarar as contradicións e incertezas existentes nela como para facela máis aplicable e asumible para as comunidades autónomas e os concellos.

É o que defendeu a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, na súa resposta a dúas preguntas sobre este asunto na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento de Galicia. O texto actual, lamentou, vai moito máis aló do que debería incluír unha lexislación básica, o que dificulta o seu desenvolvemento posterior por parte das administracións autonómicas e locais ao tempo que complica a súa aplicación. 

A representante da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda defendeu que o Executivo galego mantivo desde o primeiro momento unha posición coherente en relación con esta normativa e realizou -ao igual que outras comunidades e entidades- numerosas alegacións co obxectivo de mellorala e facela asumible para todas as partes implicadas. Non obstante, lamentou, moitas delas foron desbotadas e apenas se variou o texto en relación coa versión inicial xerando malestar e descontento en múltiples sectores afectados.

“Esta lei foi o exemplo do que non debe facer un Goberno á hora de elaborar unha normativa pois non escoitou a ninguén e impuxo a súa vontade. Por iso, tivo no trámite parlamentario ata seis vetos, aos que se sumaron as críticas de colexios profesionais, veterinarios, xuristas e empresarios, entre outros”, aseverou Belén do Campo.

A directora xeral contrapuxo a actuación do Goberno central co que fixo no seu día Galicia, que conta cunha lei de protección dos animais aprobada co consenso de todas as partes implicadas e das máis ambiciosas que existen neste eido. 

Nesta liña, incidiu en que a lexislación estatal pode supoñer unha saída para aquelas comunidades que carecen dunha normativa propia, pero que complica o labor e xera unha gran incerteza entre as administracións que fixeron ben o seu traballo. Neste sentido, o texto impón numerosas obrigas que son “imposibles de cumprir” pois dependen dun desenvolvemento regulamentario que depende do propio Estado.

Por iso, Belén do Campo pediu rigor ao Executivo central e que desenvolva a normativa, sendo necesaria incluso a súa modificación, co obxectivo de facer os axustes necesarios que poñan fin ás incoherencias existentes e aclaren cuestións dubidosas sobre a súa aplicación. Por outra banda, a directora xeral reclamou ao Estado unha partida orzamentaria para que as autonomías e concellos poidan aplicar a norma. “Non ten sentido cargar de obrigas sen fixar un orzamento para poder cumprilas”, aseverou.

O Goberno galego considera que é necesario que haxa un desenvolvemento regulamentario da lei para atender o que o texto exixe e lembra que Galicia leva a dianteira neste sentido, pero que o inmobilismo do Estado impide que poida avanzarse no deseño da normativa sectorial nestas condicións.

A maiores, a directora xeral de Patrimonio Natural censurou as “desproporcionadas” sancións que fixa a lei estatal, que en moitos casos multiplican por 10 ou por máis os importes establecidos no resto do marco normativo sectorial vixente. Por iso, defendeu a necesidade de harmonizar o réxime sancionador co resto da normativa en beneficio de todos os actores implicados na protección dos animais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/11/2023