O conselleiro do Mar clausura o quinto e último foro na capital galega

A Xunta pecha os foros de Galicia Sabe Amar nos que profesionais da gastronomía puxeron en valor as propiedades dos produtos do mar galegos

O conselleiro enxalzou a calidade e variedade das preto de 300 especies que son comercializadas polas máis de 60 lonxas de toda Galicia e sinalou a importancia de incentivar o seu consumo dentro dunha dieta equilibrada e saudable

Estes foros dedicados á #ACociñaDoMar percorreron as catro provincias galegas reunindo en total a máis de 400 persoas dos sectores da gastronomía, do mar, do ámbito formativo, creadores dixitais e medios de comunicación

Puxéronse a chaquetiña azul de GALICIA SABE AMAR un total de 37 cociñeiros de alto nivel, algúns deles con restaurantes distinguidos coa prestixiosa Estrela Michelín coa finalidade de a as elaboracións do produto do mar ao consumidor

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, enxalzou a calidade e variedade das preto de 300 especies que son comercializadas polas máis de 60 lonxas repartidas por toda Galicia e puxo en valor os esforzos realizados polo Goberno galego na promoción dos produtos pesqueiros e o fomento do seu consumo dentro dunha dieta equilibrada e saudable. O responsable autonómico fixo estas manifestacións na clausura do quinto e derradeiro foro GALICIA SABE AMAR celebrado na cidade compostelá.

O titular de Mar detallou que esta iniciativa percorreu as catro provincias galegas introducindo diferentes temáticas que vincularon #aCociñaDoMar con ámbitos como a saúde e benestar, a formación e a investigación, o territorio, a sostibilidade ou as redes sociais. En total foron máis de 400 persoas as que participaron nos diferentes eventos pertencentes a sectores como o gastronómico, o pesqueiro, o formativo, de investigación, dos medios de comunicación ou creadores de contido dixital que puideron descubrir da man de medio centenar de relatores profesionais as excelentes propiedades dos peixes e mariscos das rías galegas. 

Nos cinco foros celebrados puxéronse a chaquetiña azul de GALICIA SABE AMAR 37 cociñeiros de alto nivel algúns dos cales contan con prestixiosos recoñecementos como a Estrela Michelín, das que Galicia suma xa 19 trala recente obtención polo cociñeiro galego Brais Pichel, ao que Alfonso Villares trasladou os seus parabéns. Estes profesionais prepararon ata 50 propostas de elaboracións para o consumidor das que se serviron 4.000 tapas que foron degustadas polos asistentes e nas que os produtos protagonistas foron a pescada de Celeiro e de Burela, o bonito do Norte, o berberecho de Noia, a volandeira, as vieiras, as navallas, o mexillón, as algas e os produtos adheridos ao selo de calidade de pescar artesanal PescadeRías, onde se non?, entre outros.

Incentivar o consumo

O conselleiro enfatizou a importancia de poñer en valor a excelencia dos produtos pesqueiros e a oferta gastronómica e hostaleira galega así como de apostar polo consumo dos produtos locais e de aproveitar todas as posibilidades que ofrecen. Neste sentido defendeu o alcance desta e doutras iniciativas postas en marcha pola Consellería do Mar como as catro foodrucks de GALICIA SABE AMAR que de xeito itinerante leva o mellor sabor das rías galegas por toda a xeografía galega e parte de España. Tamén lamentou co Goberno central continúe pechando a porta a rebaixar o IVE aos produtos pesqueiros reclamada desde fai máis de dous anos polo sector a pesar dos informes, o último presentado esta mesma semana, que reflicten os importantes beneficios económicos que tería para os consumidores axudando a incrementar a presenza dos produtos do mar na cesta da compra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/11/2023