A Xunta defende o importante papel das comunidades enerxéticas para que Galicia acade os seus obxectivos en canto a uso e aproveitamento de renovables

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá en Santiago de Compostela nas xornadas ‘Comunidades enerxéticas na xestión pública’

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, defendeu esta mañá a aposta que a Xunta está a realizar polas comunidades enerxéticas pois, segundo explicou, contribuirán a que Galicia poida conseguir os obxectivos no uso e aproveitamento de renovables recollidos na Axenda Enerxética de Galicia 2030.

O director interveu esta mañá en Santiago de Compostela nas xornadas Comunidades enerxéticas na xestión pública, onde explicou as iniciativas que, a este respecto, desenvolve o Goberno galego.

Tal e como explicou o impulso e desenvolvemento de comunidades enerxéticas están recollidas dentro das principais accións e medidas da Axenda Enerxética de Galicia 2030. Así, inclúese o impulso do autoconsumo eléctrico e a creación de comunidades enerxéticas tanto locais como empresariais fomentando, tamén, polígonos empresariais ecoeficientes.

Fernández Vila lembrou que, neste compromiso, a Xunta activou este ano, por primeira vez, unha liña de apoio e incentivos para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas á que se destinaron 600.000 euros. Así, os esforzos centráronse en ofrecer servizos de asistencia técnica e xurídica para a definición das infraestruturas enerxéticas necesarias e a definición, elaboración ou ampliación dos estatutos que rexen ou rexerán a operativa e xestión da comunidade a partir da súa constitución. Cada solicitude pode recibir ata un máximo de 15.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/11/2023