A Xunta ratifica a unión entre turismo e deporte como caras dunha mesma moeda na inauguración de Sportur 2023 e do congreso internacional

O secretario xeral para o Deporte asegura que Galicia conta coas “ferramentas necesarias e suficientes” para recuperar os rexistros turísticos asociados ao deporte pre pandemia grazas a innumerables recursos

Pola súa banda o director de Turismo anunciou que o Goberno autonómico traballa na elaboración da futura folla de ruta do turismo de Galicia, a Estratexia do Turismo de Galicia 2024-2030 da man da sustentabilidade e dixitalización, entre outros aspectos

Ourense, 30 de novembro de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañados do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participaron na mañá de hoxe do acto inaugural de Sportur Galicia 2023 e do IV Congreso Internacional de Turismo e Deporte que terán lugar entre hoxe e mañá en Expourense. Alí, o responsable do deporte galego destacou a importancia dos grandes eventos deportivos como os Xogos Olímpicos ou os Mundiais de fútbol, non só debido ao papel dos nosos deportistas -nos últimos Xogos os galegos olímpicos regresaron entre os oito primeiros do mundo nun 72 % e os paralímpicos nun 87,5 %-, senón tamén debido aos evidentes beneficios que resultan da súa organización. Aproveitando a celebración de ambos eventos en Expourense, onde se atopa a mellor pista cuberta de España, o secretario xeral para o Deporte destacou a compatibilidade de usos destas instalacións e destacou outros exemplos de éxito como o módulo de atletismo do IFEVI ou o rocódromo do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, sendo a Xunta a executora de todas estas obras.

José Ramón Lete destacou que este Congreso Internacional de Turismo e Deporte, que xa transita pola súa cuarta edición, porá de manifesto todas estas cuestións grazas a un cartel de 23 expertos que dirixirán o seu coñecemento aos 200 asistentes presenciais e máis dun cento online que se formarán sobre os grandes eventos deportivos, as contornas naturais, os deportes urbanos, a dixitalización, a contorna rural, o turismo activo, o deporte sénior, os recursos acuáticos ou os deportes de motor. Ademais, sinalou a importancia da sexta edición do Salón do Deporte e do Turismo Activo ‘Sportur Galicia’, xestado en 2017, e que “bate récords cada ano ao xuntar nos seus expositores a entidades de Galicia, España, Portugal e mesmo Arxentina, cunha media de 10.000 visitantes por ano”.

Nas súas verbas, o secretario xeral para o Deporte cifrou o desembolso realizado por turistas españois e estranxeiros que viaxaron por España por motivos deportivos en 2022 en máis de 5.500 millóns de euros, máis do dobre que o ano anterior, pero aínda por baixo dos rexistros pre pandemia, segundo os datos do Anuario de Estatísticas Deportivas 2023. Lete Lasa sinalou a importancia dos eventos deportivos no turismo como demostrou a Feira Internacional de Turismo que neste 2023 creou por primeira vez a sección monográfica Fitur Sports e sinalou a Galicia como un territorio coas “ferramentas necesarias e suficientes” para recuperar os rexistros pre pandemia grazas a recursos como “as nosas montañas, os nosos ríos, os nosos mares, as experiencias de turismo BTT, as competicións de golf, o Pantín Classic, o sendeirismo, os deportes acuáticos, o Camiño de Santiago e as carreiras populares como a San Martiño que se celebraba hai unhas semanas”. Do mesmo xeito, Lete lembrou o traballo xunto co Instituto Galego de Estatística para que Galicia se converta na primeira comunidade cunha conta satélite do deporte que datou para decembro de 2024.

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, puxo de manifesto a importancia do vínculo que ten o deporte e o turismo e a oportunidade estratéxica da celebración desta cita que o porá en valor. Salientou, ademais, a importancia dos produtos asociados ao turismo activo e recordou que, para seguir avanzando na súa posta en valor, o Goberno autonómico traballa na elaboración da futura folla de ruta do turismo de Galicia, a Estratexia do Turismo de Galicia 2024-2030 da man da sustentabilidade e dixitalización, entre outros aspectos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/11/2023