A Xunta defende a vía da calidade para diferenciar a produción alimentaria de Galicia

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria abriu a sesión de tarde do I Congreso Internacional de Consumo que organiza a Unión de Consumidores de Galicia

José Luis Cabarcos explicou que a nosa comunidade ten que facer esa aposta porque conta con pequenas explotacións familiares e pequenas empresas, así como con condicións naturais óptimas para a produción de alimentos de calidade

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023

Galicia debe apostar por diferenciar a súa produción alimentaria e por competir vía calidade, como fórmula para favorecer a súa comercialización e a competitividade do sector. Así o sinalou hoxe o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, na apertura da sesión de tarde do I Congreso Internacional de Consumo que organiza a Unión de Consumidores de Galicia.

Na súa intervención, o director explicou que a nosa comunidade ten que facer esa aposta porque conta con pequenas explotacións familiares e pequenas empresas, así como con condicións naturais óptimas para a produción de alimentos de calidade. Neste sentido, indicou tamén que as denominacións de orixe protexidas (DOP) e as indicacións xeográficas protexidas (IXP) e, en xeral, os produtos de calidade diferenciada, son uns instrumentos axeitados para isto.

Ademais, dentro da estratexia da produción singular para a conquista dos mercados, José Luis Cabarcos valorou que estes selos de calidade (DOP e IXP) serven comercialmente para aproveitar o dobre valor que representan para o consumidor. O valor emocional, que invita a comprar produtos da terra, aplicable ao consumidor local, e o valor racional, polo que o consumidor liga estes produtos con atributos obxectivos, como son os do control e a seguridade, a confianza ou a calidade, o que ten sobre todo transcendencia para os consumidores de fóra.

Na mesma liña, Cabarcos apuntou que a “marca” Galicia asociada aos produtos alimentarios -do campo e do mar- vende, como sinónimo de calidade, tradición e autenticidade. Por iso, trasladou, “este factor debe ser aproveitado e posto en valor” e para iso as DOP e as IXP son un instrumento esencial.

Condicións naturais óptimas

Neste contexto, o director lembrou que Galicia dispón de condicións naturais óptimas para a produción de alimentos de calidade, que se unen ao “saber facer tradicional”, apoiado nun rico patrimonio xenético, técnicas de cultivo, produción e elaboración tradicionais e unha amplísima oferta gastronómica, integrada na cultura do país.

Ao tempo, Cabarcos fixo referencia tamén á produción ecolóxica e á artesanía alimentaria como outros instrumentos de utilidade, nos que as características dos produtos están relacionadas co sistema de produción. Sobre a artesanía alimentaria, destacou que actualmente hai máis de medio cento de empresas inscritas no rexistro galego, dentro dalgunha das 14 actividades reguladas mediante outras tantas normas técnicas, e avanzou que no 2024 publicarase outro grupo destas normas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/11/2023