A Xunta inviste máis de 1,2 millóns de euros na mellora das infraestruturas do sector turístico no Salnés

O delegado territorial visitou o resultado das obras levadas a cabo no Hotel Carlos I Silgar grazas á liña de axudas da Xunta para a mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos e que permitiu mellorar o spa e reformar 35 habitacións

Reguera destacou tamén a axuda para a dixitalización do sector na que o goberno autonómico investirá 1,5 millóns de euros en Galicia
 

Sanxenxo, 30 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá un establecemento hoteleiro en Sanxenxo que recibiu unha axuda da Xunta de preto de 40.000 euros para mellorar as súas infraestruturas. Estas axudas beneficiaron a preto de 150 empresas en Galicia entre os establecementos de aloxamento e os de restauración e deixaron na comarca do Salnés máis de 1,2 millóns de euros. 

En concreto, o establecemento utilizou a achega da Xunta para reformar 35 habitacións e para substituír algunha maquinaria obsoleta do seu spa. Neste sentido, o delegado territorial mostrouse impresionado polos resultados obtidos e destacou o compromiso da Xunta “cun sector tan importante como este, que supón o 12 % do PIB galego”. Ademais, Reguera asegurou que “dende a Xunta seguiremos escoitando aos empresarios e traballadores para coñecer as súas necesidades e propoñer as mellores solucións”.

Entre estas solucións atópanse as axudas para a dixitalización do sector turístico, grazas ás cales o Hotel Carlos I Silgar recibiu unha segunda achega de 12.000 euros. Este investimento foi utilizado para mellorar o seu posicionamento web a través de campañas de SEO e SEM e na profesionalización das súas redes sociais. En total, o goberno autonómico investirá máis de 250.000 euros no Salnés dos 1,5 millóns de euros destinados a esta iniciativa en toda Galicia.

Dende a dirección do Hotel aseguran que xa notan os resultados de estas medidas e que o punto clave foi investir para lograr unha mellor posición nos principais portais de reserva online.

Pola súa banda, o delegado territorial lembrou que estas axudas permiten a moitos establecementos dar un salto cualitativo e cuantitativo, atraendo “a unha maior clientela” e “afinando os esforzos en comunicación para chegar especialmente a aquelas persoas que son máis susceptibles de estar buscando os servizos que ofrecen”.

Estas axudas beneficiaron a un total de 95 establecementos na provincia de Pontevedra entre hoteis; axencias de viaxes; complexos de turismo rural; apartamentos turísticos; cámpings e establecementos de restauración.

Durante a visita houbo tempo tamén para lembrar o bo resultado que tiveron os Bonos Turismo da Xunta e que están a facilitar a desestacionalización do sector “especialmente nos territorios que despois dunha época estival moi intensa teñen máis dificultades para manterse abertos durante o inverno”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/11/2023