A delegada territorial da Xunta en Ferrol, xunto cos técnicos de Augas de Galicia, achegouse hoxe á zona onde de maneira inmediata se realizarán tarefas de conservación e limpeza dos leitos fluviais

A Xunta avanza no estudo dos ríos Belelle e Basteiro para deseñar as actuacións que reduzan o risco de inundacións no concello de Neda

Augas de Galicia presentará nas vindeiras semanas as propostas de mellora do comportamento hidráulico destes ríos logo das reunións técnicas mantidas co Concello para concretar o diagnóstico dos episodios de asolagamento

Nos vindeiros días realizarase unha limpeza nos treitos interurbanos destes dous ríos para eliminar os arrastres das últimas riadas

A Xunta identificou as contornas dos ríos Belelle e Basteiro como área de risco potencial significativo de inundacións
 

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a avanzar no estudo e modelización do comportamento hidráulico dos ríos Belelle e Basteiro ao seu paso polo concello de Neda, co obxectivo de concretar as actuacións destinadas a reducir o risco de inundación.

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto con técnicos de Augas de Galicia, achegouse esta mañá á contorna destes dous ríos para avaliar as actuacións de conservación e limpeza necesarias nos treitos interurbanos, co fin de eliminar os arrastres das últimas riadas.

No concello de Neda existe unha área con risco potencial significativo de inundacións que se sitúa na contorna dos ríos Belelle e Basteiro. Esta área está incluída no Plan de xestión de risco de inundacións pertence ao grupo IV, onde existe unha maior incidencia de risco de asolagamento polos elementos susceptibles de afectación.

Nestas zonas de grupo IV a entidade hidráulica da Xunta está a realizar un ambicioso traballo, deseñando propostas específicas para xestionar o risco de inundacións.

Eses traballos comprenden un diagnóstico da problemática existente en distintos ríos, unha análise do comportamento hidráulico e unha proposta de solucións coa súa correspondente modelización hidráulica, cunha priorización das intervencións a partir dunha análise multicriterio.

Este traballo está a realizarse en colaboración cos concellos, con reunións técnicas que permiten coñecer de primeira man a problemática de cada un deles e propoñendo conxuntamente medidas.

No caso concreto de Neda, xa houbo reunións técnicas co Concello para concretar o diagnóstico sobre o comportamento hidráulico dos ríos Belelle e Basteiro.

Deste xeito, actualmente estase modelizando o funcionamento destes ríos e axustando as propostas, coa idea de poder presentar nas vindeiras semanas o traballo realizado.

Co fin de reducir o risco de inundación e minimizar os efectos sobre a poboación e os bens, a Xunta segue unha folla de ruta que actualiza e aproba cada 6 anos, estando agora mesmo vixente o Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027.

No marco deste plan, Augas de Galicia promove actuacións de prevención como a conservación dos ríos; de protección, co inventario de obras de drenaxe transversal e infraestruturas de defensa lonxitudinal; ou de recuperación, coa promoción do aseguramento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/11/2023