Trenor anuncia o inicio das obras de mellora da oficina de emprego de Monelos que suporán un investimento de máis dun millón de euros

O delegado da Xunta puxo en valor o traballo do persoal deste centro da Coruña por atender o maior número de persoas demandantes de emprego de entre todos os de Galicia

A Xunta está a traballar na dixitalización do servizo galego de emprego, que contará cun software baseado na enxeñaría de datos que permitirá identificar as necesidades do mercado laboral en tempo real e dar cobertura ás vacantes existentes
 

A Coruña, 30 de novembro de 2023

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou hoxe a oficina de emprego de Monelos, na Coruña, onde anunciou o inicio das obras de mellora nesta espazo o que suporá contar con espazos máis amplos e modernos cun investimento de 1,27 millóns de euros. A medida enmárcase na proposta do departamento da Xunta de renovar as súas dependencias de emprego que suporá, soamente para a renovación das oficinas, a mobilización neste ano 2023 de 3,3 millóns.

Neste centro traballan na actualidade 23 persoas que, como puxo en valor o delegado que atenden ao maior número de demandantes de emprego de Galicia, concretamente 14.039. Cada persoa que traballa neste servizo atende unha media de case 610 demandantes de emprego, cifra moi superior á media da provincia da Coruña, de case 372 persoas.

A Xunta incrementou en 2023 o cadro de persoal desta oficina nun 22 % (5 persoas máis) no marco da creación dun servizo permanente de orientación laboral e prospección empresarial que estará conformado en toda Galicia por 136 novos orientadores laborais e ao que se destinarán 5,2 millóns de euros.

Trenor lembrou que, aparte destas actuacións, a Xunta seguirá a avanzar na modernización do Servizo de Emprego de Galicia mediante a súa dixitalización que contou, segundo anunciou, con case medio millón de euros (489.000 euros) para optimizar os procesos de formación e colocación a través da nova ferramenta tecnolóxica EMI, que emprega o business inteligent, a intelixencia artificial e o big data, e que permitirá identificar as necesidades do mercado de traballo en tempo real para adaptar así a formación.

Para acadala, Promoción do Emprego impulsará a formación do persoal das oficinas, unha finalidade na que se investirán o ano que vén máis de 405.000 euros.

Dar cobertura ás vacantes

O delegado da Xunta puxo en valor o traballo que desempeñan as persoas traballadoras destes centros para construír un mercado laboral galego máis cohesionado, máis conectado e de máis calidade. “Insistimos na necesidade de que a xente se achegue ás oficinas de emprego porque hai traballo; as empresas teñen vacantes, polo que estamos a poñer todos os medios ao noso dispor: máis traballadores, máis orientadores laborais... pero tamén é necesario que as empresas subministren as vacantes ao servizo de emprego”, incidiu Trenor.

Trenor subliñou que a comunidade está a desenvolver unha nova forma de traballar que pretende optimizar os recursos dispoñibles para conseguir un mellor emparellamento da oferta de emprego e a demanda de traballadores. Coa mesma preténdese achegar máis os servizos públicos á cidadanía, ofrecéndolle unha atención de proximidade e de calidade, ligada ao territorio, afirmou a titular de Promoción do Emprego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/11/2023