O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodriguez, e o alcalde do concello, José Manuel Rey Varela, visitaron hoxe no barrio de Caranza a escola para nenos de 0 a 3 anos

A Xunta destina 80.000 € a mellorar dúas escolas infantís e un centro de día en Ferrol

Estas intervencións enmárcanse no compromiso de poñer a disposición das familias os mellores servizos para o coidado dos seus pequenos e maiores

Renovouse o patio exterior da escola de Caranza e pintouse o vestíbulo, as escaleiras e ramplas de acceso ao inmoble

No centro de 0 a 3 anos de Esteiro instalouse un novo toldo

Contratáronse traballos para impermeabilizar a cuberta do centro de maiores de Caranza e poñer en marcha un ascensor

Ferrol, 30 de novembro de 2023

A Xunta destinou preto de 80.000 euros a obras de mellora nas dúas escolas infantís e no centro de día para persoas maiores que ten en funcionamento en Ferrol. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe a escola de 0 a 3 anos de Caranza, na que se executaron distintas actuacións.

Perfecto Rodríguez, que estivo acompañado do alcalde do concello, José Manuel Rey Varela, enmarcou as intervencións feitas nestes tres centros da rede pública autonómica no compromiso que ten o Goberno galego coas familias. Ao respecto, indicou que o obxectivo do programa de obras nas instalacións do Consorcio é poñer a disposición das familias uns servizos e equipamentos de calidade nos que os seus fillos e os seus maiores reciban os mellores coidados e atencións.

No caso da escola infantil de Caranza, actuouse tanto no exterior como no interior do centro. Estas obras consistiron, fundamentalmente, na mellora do patio mediante a substitución do pavimento de caucho e os valados de madeira por valados metálicos. Ademais, pintouse o vestíbulo de entrada, así como as escaleiras e ramplas de acceso ao centro.

Na outra escola de 0 a 3 anos da rede pública da Xunta, situada no barrio de Esteiro, proxectouse a instalación dun toldo na zona do corredor para producir sombra nese espazo e no exterior, co fin de protexer aos nenos das altas temperaturas que se poden chegar a alcanzar nos meses máis cálidos do ano.

En canto ao centro de día de Caranza, o Consorcio contratou unha serie de traballos para mellorar a impermeabilización da cuberta, renovar os cuartos de aseo situados na planta baixa do inmoble e poñer en marcha un ascensor.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/11/2023