O conselleiro inaugurou o ‘I Congreso Internacional de Consumo’ que centrou a súa primeira sesión nos alimentos do mar

Alfonso Villares defende que a rebaixa do IVE aos produtos da pesca incentivaría o seu consumo e xeraría efectos beneficiosos no conxunto da economía

Un recente estudo das universidades de Santiago e A Coruña certifica que se se reduce á metade este imposto poderíanse chegar a crear preto de 5.600 novos empregos e  xeraríase un valor engadido bruto de 28,5 millóns de euros

O titular de Mar mostra a súa preocupación polo resultado da enquisa da Ucgal que reduce a un terzo as familias galegas que consumen peixe coa frecuencia recomendada de 3 ou 4 veces por semana, polo que aposta por reforzar a promoción

Sete de cada dez enquisados pola Unión de Consumidores de Galicia recoñecen que levarían máis produtos do sector pesqueiro á súa cesta da compra se o Goberno central cumpre cunha demanda histórica e rebaixa ou suprime o imposto

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, considera que ao Goberno central non lle queda xa nin unha soa escusa para cumprir coa xa histórica demanda do complexo mar-industria de Galicia e a Xunta de que proceda a rebaixar o IVE aos produtos da pesca, a acuicultura e a conserva. Esta medida, aplicada desde o Executivo central a outros alimentos co agravio comparativo e o impacto nas ventas que iso supón, incentivaría o consumo beneficiando ao conxunto do sector pesqueiro e, ao mesmo tempo, ao conxunto da sociedade, pois melloraría a renda dispoñible dos fogares, impulsaría á hostalería e contribuiría a xerar emprego e riqueza no conxunto da economía de Galicia e do conxunto de España.

Na inauguración do ‘I Congreso Internacional de Consumo’ en Santiago, que organiza a Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal) e que centrou a súa primeira sesión nos alimentos do mar, Alfonso Villares contrapuxo o mutismo e falla de explicacións de Moncloa polo seu veto á rebaixa fiscal a estes alimentos, coa actuación dunha Xunta de Galicia que quixo contar cos maiores expertos en economía ligada ao sector pesqueiro para medir o posible impacto dun recorte.

O Grupo de investigación en Economía Pesqueira e dos Recursos Naturais da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración con economistas da Universidade da Coruña, certificaron no seu estudo que reducir á metade o IVE aos produtos do mar (do 10 ao 5 %) e trasladar a totalidade desta rebaixa ao consumidor final podería chegar a crear preto de 5.600 novos empregos e xeraría un valor engadido bruto (VAB) na economía galega de 28,5 millóns de euros. O impacto na recadación fiscal sería de 17,8 millóns de euros, moi inferior, e se producirían aumentos no consumo de todos os segmentos da frota e tamén da acuicultura que se situarían nunha media que roldaría o 5 %.   

Son datos independentes e aportados por expertos galegos que se veñen a sumar a estudos como os aportados este verán pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, no que se sinalaba a rebaixa do IVE aos produtos da pesca como positiva para frear a inflación, ou do Observatorio Europeo do Mercado dos Produtos da Pesca e da Acuicultura (Eumofa), que revelou que España viviu unha redución do consumo de peixe do 19 %, cifra que duplica a dos países con tipos impositivos máis baixos.

Un recente informe da consultora PwC para a asociación de fabricantes e distribuidores Aecoc para toda España sinala que se se incluíse o peixe e a carne na rebaixa do IVE se multiplicaría por máis de dous o aforro das familias, pois coa rebaixa na actual cesta de produtos decretada polo Goberno central entre este novembro e o próximo xuño sería de 824 millóns de euros, e se se inclúen produtos pesqueiros e cárnicos de 1.865 millóns.

Animar a incluír nas dietas alimentos sans e necesarios

Con todos estes datos sobre a mesa e mentres se agarda que entre en razón a Administración do Estado, o conselleiro do Mar apostou por reforzar a promoción, dado que o estudo presentado pola Ucgal sinala que só un 35 % dos galegos consume peixe coa frecuencia recomendada, de 3 ou 4 veces por semana, polo que hai que animalos a incluílos na súa dieta. Aínda que nesta enquisa o principal motivo esgrimido é o prezo, Alfonso Villares negou que o peixe sexa caro e volveu a botar a culpa ao agravio comparativo fronte a outros alimentos aos que si se lle reduciu o IVE. De feito, puxo o foco en que sete de cada dez enquisados consideran que a rebaixa ou supresión deste imposto aos produtos do mar incentivarían o seu consumo.  

O éxito de campañas como GALICIA SABE AMAR,  ‘O sabor da aventura está no mar’, ‘Ponlle as pilas ao teu bocata’ ou ‘Vai de peixe’ animan ao conselleiro a continuar a apostar pola innovación no desenvolvemento de produtos adaptados ás novas necesidades dos consumidores, realzar o valor nutricional dos produtos do mar e investir máis en publicidade e comunicación ao obxecto de transmitir as vantaxes do seu consumo, para o cal se pretende contar coa colaboración de institucións como Ucgal, á cal felicitou pola organización do ‘I Congreso Internacional de Consumo’ e por poñer o foco de forma especial sobre os produtos do mar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/11/2023