A Xunta destaca a traxectoria do académico Darío Villanueva na entrega do Premio Otero Pedrayo 2023

O secretario xeral de Política Lingüística participa no acto de entrega deste galardón ao escritor e crítico de Vilalba

O certame, convocado polo Goberno galego e as catro deputacións provinciais desde 1977, é un dos máis prestixiosos da cultura galega
 

Lugo, 29 de novembro de 2023

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na entrega do Premio Otero Pedrayo 2023 ao académico Darío Villanueva, galardoado pola súa contribución á cultura no campo das letras e do coñecemento.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades gabou a traxectoria, “de sobra coñecida”, de quen “é e continúa a ser un dos máis brillantes intelectuais do noso tempo” e quixo destacar dela, “por ser un dato menos repetido ca os dos seus cargos de presidente da RAE ou de reitor da USC”, que Darío Villanueva “foi tamén o primeiro director técnico da área de literatura do Centro Ramón Piñeiro da Xunta de Galicia, unha mostra máis de que non fuxiu de asumir responsabilidades naqueles lugares onde era chamado para impulsar o amor polas linguas e pola literatura”.

No acto, que acolleu a Deputación de Lugo, participaron representantes institucionais, así como Leticia Rodríguez Díaz, membro elixido polo xurado para ler a acta na cerimonia. Ademais, a entrega estivo amenizada con varias actuacións musicais da cantautora arzuá MJ Pérez.

Contribución no campo das letras

Darío Villanueva (Vilalba, 1950) é catedrático de Teoría da Literatura e de Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela, institución da que foi reitor entre 1994 e 2002. No ano 2007 ingresou na Real Academia Española, que chegou a presidir entre o 2014 e 2018, e desde 2015 forma parte do xurado do Premio Princesa de Asturias das Letras. Autor de medio centenar de libros sobre crítica e teoría da literatura, publicou ensaios sobre escritores como Valle-Inclán, Azorín, Torrente Ballester, Camilo José Cela ou Emilia Pardo Bazán.

Premio Otero Pedrayo

O Premio Otero Pedrayo, dotado cada ano con 16.000 euros, está promovido polo Goberno galego e as catro deputacións provinciais. Considerado un dos máis prestixiosos da cultura galega, naceu en 1977 co obxectivo de perpetuar a memoria de Ramón Otero Pedrayo; recoñecer a contribución á cultura de persoas e entidades no campo das letras, e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/11/2023