O Sergas reúne en Santiago máis de 30 expertos en recursos humanos dos servizos públicos de saúde de varias comunidades autónomas e da OMS

Os conselleiros de Sanidade e Promoción do Emprego e Igualdade inauguran o II Congreso de Igualdade e Recursos Humanos dos Servizos Públicos de Saúde, que se prolongará ata o venres e no que están inscritas preto de 300 persoas

O conselleiro de Sanidade destacou na inauguración do Congreso a unanimidade sindical acordada para aprobar en 2021 o I Plan de Igualdade entre homes e mulleres no Servizo Galego de Saúde

O Executivo galego incluíu na lei de presupostos para 2024 unha partida para estender o mantemento das retribucións variables nas baixas por continxencias comúns durante o embarazo

A conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade destacou os cinco centros de crise de atención 24 horas a vítimas de violencia sexual que a Xunta porá en marcha o vindeiro ano

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo; interviron esta tarde na inauguración do II Congreso de igualdade e Recursos Humanos dos servizos públicos de saúde. Un encontro, organizado pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, e no que ambos responsables do Executivo galego destacaron as importantes medidas que está a implantar a Xunta en materia de Igualdade.

Neste senso, o titular de Sanidade destacou a aprobación do I Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes no Servizo Galego de Saúde, cualificándoo como “o primeiro grande acordo da actual lexislatura”, ao tempo que salientou a súa aprobación unánime por parte das organización sindicais.

Do conxunto de medidas que incorpora o Plan, Comesaña destacou ás vencelladas coa maternidade e, en especial, aquelas que teñen como obxectivo evitar posibles prexuízos nas condicións salariais das mulleres embarazadas. Así, lembrou que en Galicia, xa desde o ano 2022, as profesionais do Sergas que estean de baixa por maternidade reciben a media das súas retribucións variables (gardas, noites e festivos).

Nesta liña, apuntou que a lei de Presupostos que a Xunta remitiu ao Parlamento de Galicia, o Executivo galego incluíu unha partida para estender o mantemento destas retribucións variables a todas aquelas baixas por continxencias comúns durante o embarazo. “En ningún caso a maternidade pode afectar negativamente ás retribucións das nosas profesionais”, salientou o conselleiro.

Pola súa banda, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, avogou por unir esforzos para avanzar en políticas con perspectiva de xénero e para promover unha contorna inclusiva que fortaleza a sanidade para todos.

Así mesmo, destacou o traballo que o seu departamento desenvolve de xeito transversal con Sanidade, tanto na posta en marcha de cinco centros de crise de atención 24 horas a vítimas de violencia sexual -e que porá en marcha o Goberno autonómico este 2024 vencelladas ás áreas sanitarias de Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo- como en iniciativas para combater as enfermidades profesionais de sectores feminizados como o das mariscadoras.

Rivo destacou que a nova Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo Horizonte 2027 está a adecuar a prevención de riscos ás novas formas de traballo e permitirá dar resposta ás peculiaridades da transformación ecolóxica, social e dixital. “Este documento suporá un salto cualitativo para sentar as bases da cultura do benestar laboral na nosa comunidade e por asumir como principio a perspectiva de xénero”, indicou.

II Congreso de Igualdade e Recursos Humanos

Desde a xornada de hoxe e ata o vindeiro venres, o Servizo Galego de Saúde organiza o II Congreso de Igualdade e Recursos Humanos dos servizos públicos de saúde, un evento que converterá Compostela no epicentro do debate das políticas de organización e xestión do persoal sanitario, así como de xénero e igualdade.

Deste xeito, durante tres días o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e a Cidade da Cultura acollerán os relatorios de máis de 30 expertos pertencentes aos diferentes servizos sanitarios autonómicos e da Organización Mundial da saúde (OMS).

Entre as actividades da xornada inaugural, destaca conferencia sobre “Transversalidade de xénero en saúde desde unha perspectiva internacional”, que ofrecerá a responsable de la Unidade de Xénero da Oficina Rexional Europea da OMS, Isabel Yordi.

Baixo o lema “Transformando a xestión sanitaria: innovación, liderado e persoas” abordaranse entre outros temas: o benestar emocional e laboral dos sanitarios, o relevo xeracional dos profesionais, a perspectiva de xénero nas organizacións sanitarias ou a retención do talento.

Preto de 300 persoas chegadas de Valencia, o País Vasco, Aragón, Andalucía, Cataluña, Castela e León, Canarias ou Baleares, entre outras comunidades autónomas, están inscritas no Congreso que albergará ademais de conferencias, varias mesas de diálogo e obradoiros.

Na seguinte ligazón pódese consultar o programa do Congreso:

Programa - II Congreso de Igualdad y Recursos Humanos 2023 (congresorrhhsanidadgalicia.es)

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/11/2023