O conselleiro de Educación pronuncia no Círculo de Empresarios de Galicia a conferencia ‘A educación como medio: desenvolvemento social e económico a través da ensinanza’

Román Rodríguez convida ao empresariado a afrontar xuntos os vindeiros retos da educación galega

“A educación é un traballo que nos atinxe a todos para construír un futuro de igualdade, prosperidade, liberdade e benestar”, salienta

Vigo, 29 de novembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe no encontro Educación e empresa. Profesionais, profesións de futuro. Estamos preparados?, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia, no que pronunciou a conferencia A educación como medio: desenvolvemento social e económico a través da ensinanza.

Na súa intervención durante un xantar-coloquio, o responsable das políticas educativas da Xunta de Galicia convidou ao empresariado da Comunidade a afrontar “de xeito conxunto os vindeiros retos da educación galega”. “A educación é un proxecto de país e un traballo que nos atinxe a toda a sociedade para garantir a construción dun futuro de igualdade, prosperidade, liberade e benestar”, salientou o conselleiro.

Neste senso, destacou que Galicia conta cun sistema educativo “do que estar orgulloso”, pero no que aínda queda moito por facer. “É unha tarefa colectiva que consiste na procura constante da calidade e a equidade para formar ás mellores persoas e profesionais, lograr que a sociedade avance”, engadiu Román Rodríguez.

Como explicou, un dos principais retos é a adecuación da oferta formativa coa estrutura produtiva, para o cal é preciso que tanto as grandes empresas, como as medianas e pequenas se sumen a este proxecto. “Sen educación no hai desenvolvemento e só o traballo conxunto incrementará os niveis de competitividade para que da FP e das universidades saian os profesionais que necesitan a sociedade e a economía”, precisou.

Máis dunha vintena de relatores

A cita celebrada na sede do Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo, conta coa participación de máis dunha vintena de relatores para reflexionar sobre a importancia da conexión entre o ensino e o tecido produtivo. Ademais do conselleiro, na xornada tamén interveu a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, así como outros representantes da Consellería, do sistema educativo, das universidades ou do mundo empresarial.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/11/2023