O presidente da Xunta asistiu ao acto de entrega de medallas e distintivos da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma

Rueda agradece a entrega, eficacia e esforzo da Policía Autonómica na contribución a unha Galicia máis segura

Considera “urxente” que o Goberno central complemente na Comunidade os efectivos deste corpo de seguridade que “paulatinamente” ten ido perdendo
 

Salienta o apoio da Xunta que ten renovado as sedes provinciais e gran parte do parque móbil e tamén dos equipamentos informáticos
 

A Estrada (Pontevedra),  29 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe a entrega, a eficacia e o esforzo diario da Policía Autonómica na contribución a unha Galicia máis segura, en coordinación e colaboración coas restantes forzas e corpos de seguridade existentes na comunidade. 

Así o destacou e tamén llo agradeceu expresamente na entrega de medallas e distintivos da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma (UPA) que neste 2023 cumpre 32 anos. “En Galicia estamos moi orgulloso de formar parte dunha nación que ten unha das súas expresións de unidade nas nosas forzas armadas e nos nosos corpos e forzas de seguridade do Estado”, trasladou o mandatario galego nesta cerimonia, na que estivo acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. 

Na súa intervención, o presidente da Xunta lembrou que Galicia foi pioneira hai 32 anos en contar cunha unidade de policía adscrita, un camiño que despois continuarían outras comunidades. Rueda defendeu a creación deste corpo de seguridade para dar resposta á necesidade de servir e protexer mellor os galegos e galegas “en coordinación” e sen menoscabar as competencias dos restantes corpos e forzas de seguridade do Estado.  

Rueda salientou o traballo da Policía Autonómica centrado sobre todo na protección das vítimas de violencia de xénero e dos menores, na loita contra os incendios forestais, o furtivismo; e a protección do medio e o patrimonio. O presidente galego fixo unha mención especial á prevención que levan a cabo no Camiño de Santiago. 

Urxente máis axentes de Policía Autonómica

Para o mandatario galego, estas accións dan conta do acerto e do “axeitado” deste modelo para levar a cabo estas funcións de servizo á cidadanía galega. “Temos un corpo excelente”, enxalzou Rueda, quen pola contra lamentou que, a pesar do seu importante labor na comunidade, o cadro de persoal da Policía Autonómica se teña reducido “paulatinamente” nos últimos anos, ata o punto de que advertiu que esta mingua tería “comprometido moitísimas actuacións, se non fose pola profesionalidade do persoal existente”. 

Por estes motivos, considerou “urxente” que o Goberno central “complemente” na Comunidade galega o número de axentes que lle corresponde. “Cada día que pase o seguiremos reclamando con máis forza”, comprometeuse por parte do Xunta de Galicia de cara a insistir nesta demanda ao Ministerio de Interior, carteira do Goberno central da que depende esta competencia.  

Fronte a isto, Rueda salientou o apoio da Xunta a este corpo de seguridade. Así, apuntou á renovación das sedes provinciais e de gran parte do parque móbil e tamén dos equipamentos informáticos.  

Distintivos e imposición de medallas

No acto, impuxéronselles medallas de bronce a 15 policías; entregóuselles os correspondentes diplomas de recoñecemento ao persoal da UPA con máis de 20 anos de servizo a 24 axentes; o distintivo de permanencia ao Inspector de Ourense, José Antonio Nogueiras; e déuselles dez distincións honoríficas a persoal alleo á Unidade de Policia Adscrita.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/11/2023