Rivo salienta que a prevención de riscos tradúcese nunha mellora do benestar laboral e avoga por espazos de traballo seguros e saudables

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe en Santiago de Compostela na Xunta Territorial de Galicia de Ibermutua galega

Puxo en valor a nova Lei de igualdade, que se aprobou a semana pasada no Parlamento, e a nova Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo, con horizonte 2027, que fixa como valor fundamental no traballo a saúde integral das persoas traballadoras

Referiuse ao compromiso da Xunta coas empresas responsables e explicou os obxectivos da nova Estratexia de RSE, que quintuplica o seu dotación orzamentaria, ata acadar os 175 millóns de euros

Santiago de Compostela, 29 de novembro 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe na Xunta Territorial de Galicia de Ibermutua galega onde destacou a importancia da prevención de riscos laborais, porque apuntou que esta aposta tradúcese nunha mellora do benestar laboral e nun incremento da competitividade empresarial. Así, sinalou que é unha prioridade para a Xunta o deseño de políticas e a execución de medidas para previr os riscos no traballo, xa que propiciar un clima laboral favorable nas empresas achega, según ás súas palabras, benestar á sociedade e é produtivo.

A aposta por espazos de traballo seguros e saudables é, tal e como explicou Rivo, un aspecto que ten moita relevancia nas políticas autonómicas. Neste senso, referiuse á Lei de igualdade, que se aprobou a semana pasada no Parlamento de Galicia, que regula conceptos novidosos como é o benestar laboral. “Queremos forxar unha sociedade máis igualitaria, equitativa e xusta e isto se consegue creando contornas laborais saudables”, subliñou.

Referiuse, ademais, á nova Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo, con horizonte 2027, que a Xunta aprobou este mesmo ano, un documento que foi elaborado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) e que fixa como valores fundamentais no traballo a saúde integral das persoas traballadoras, o crecemento económico e social das empresas e organizacións e o benestar laboral, que se sitúe no centro das persoas.

Para Rivo, é clave, polo tanto, que a prevención de riscos laborais sexa o epicentro da xestión de calquera empresa ou entidade. “A nosa prioridade deben ser as persoas, os nosos traballadores”, engadiu.

A nova Estratexia nace para dar resposta a un mercado laboral en permanente transformación e persegue facer fronte aos novos riscos derivados das novas formas de traballo como son os riscos psicosociais.

Empresas responsables

A conselleira de Promoción do Emprego, así mesmo, puxo en valor na súa intervención a aposta da Xunta polo impulso das empresas responsables que son “as que poñen no centro aos seus traballadores”, indicou. Para iso, a Administración autonómica galega ten en marcha unha nova Estratexia de RSE, con vixencia ata 2025, que quintuplica a súa dotación económica con respecto á anterior planificación, ata acadar os 175 millóns de euros. O plan busca promover espazos de traballo inclusivos e igualitarios. A conselleira explicou que este documento estase a abrir a todos os grupos de interese, contando como destinatarias as empresas, administracións, persoas traballadoras e a cidadanía, en xeral.

A nova Estratexia contempla, así mesmo, a posta en marcha dunha nova Rede galega pola RSE como espazo de diálogo entre o sector público-privado e a sociedade civil para a xeración de alianzas e a difusión de coñecementos e boas prácticas. Está previsto tamén a implantación do selo de calidade Galicia Responsable para recoñecer os avances nesta materia.

Para rematar, Rivo indicou que os novos orzamentos para 2024 da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade sitúa no centro ás persoas, priorizan o apoio aos sectores e ás empresas, tratando de favorecer un emprego máis igualitario, inclusivo e de calidade. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/11/2023