O conselleiro participou na xornada de divulgación dos resultados do proxecto Apromex en Vilanova de Arousa

A Xunta presenta os avances para a xestión sostible da mexilla no litoral galego acadados da man da ciencia

A iniciativa Apromex abrangue do análise da poboación de cría do mexillón nas rochas á posta en marcha de novos sistemas para avaliar a captación no medio natural e tamén a súa produción complementaria a través de criadeiros

Alfonso Villares destaca o papel da miticultura como unha das principais actividades acuícolas na comunidade e cualifica o seu papel como crucial para a economía

Resalta a calidade dos recursos mariños de Galicia, dos profesionais do mar e das súas institucións científicas que son unha referencia en toda Europa, polo que é fundamental o traballo en común que están a realizar

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 29 de novembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acudiu este mércores ao Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Corón, en Vilanova de Arousa, para inaugurar a xornada de divulgación dos traballos realizados dentro do proxecto Apromex, Análise da poboación de semente de mexillón e avaliación de novos sistemas para a súa captación do medio natural e para a súa produción en criadeiro. Esta iniciativa, que ven a estreitar o contacto entre o mundo científico e os produtores, forma parte dun plan para prover de información e formación ao sector mexilloeiro que desde o departamento se pretende levar adiante durante 2024.

 

O titular de Mar apostou por poñer en valor o traballo que se desenvolve nas universidades galegas, no Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) e nos centros de investigación ligados á Consellería: o Cetmar, o Intecmar e o anfitrión da xornada, o CIMA, para impulsar ao futuro do sector marítimo-pesqueiro. Resaltou ademáis a calidade dos recursos mariños de Galicia, dos profesionais do mar e dunhas institucións científicas que son unha referencia en toda Europa, polo que resulta fundamental o traballo en común que están a realizar.

 

Segundo Alfonso Villares, a alta variabilidade natural do mexillón e a súa importancia socioeconómica avalaron a demanda de levar a cabo un estudo en profundidade da súa dinámica, das posibilidades de aproveitamento, do impacto ecolóxico, e da procura de alternativas para abastecer ao sector co obxectivo de facelo máis resiliente. A miticultura, argumentou, sitúase na cúspide da acuicultura galega, española e europea, e desempeña un papel crucial na economía da comunidade.

 

Neste contexto, a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, a través do CIMA e co apoio técnico do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, lanzou Apromex en 2022, cofinanciado pola UE a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Esta iniciativa abordou tres grandes retos no último ano: a análise da poboación da mexilla no litoral rochoso, a avaliación de novos sistemas para a súa captación no medio natural e a produción de mexilla en criadeiro.

 

En relación co primeiro, estableceuse un plan de mostraxe nas rochas da costa galega para localizar áreas de especial interese para a extracción de mexilla, visitando máis de 600 e recollendo imaxes e mostras do recurso para a súa posterior análise no laboratorio. Os traballos realizáronse coa axuda dunha aplicación (App) que permitiu recoller de forma sistemática toda a información a través do teléfono móbil, con datos sobre a ubicación, exposición da zona, porcentaxe de cobertura de mexilla e presencia de outras especies.

 

A información gárdase directamente nunha base de datos na nube (online), o que facilita a súa consulta en tempo real durante a propia toma de mostras e a análise dos datos históricos. Este primeiro estudo permitirá a selección dos puntos de maior interese e un seguimento temporal da súa evolución nos próximos anos.

Tamén se completou o deseño e instalación dun sistema de captación no medio natural tipo long-line co fin de buscar alternativas á captación de semente da rocha. A infraestrutura está plenamente operativa na ría de Muros-Noia, agárdase que comece a funcionar xa este mes de decembro e será o soporte a distintas probas e experiencias sobre a captación de semente no medio natural -recolectar a que está en suspensión na auga a través de cordas colectoras-­ ao longo do próximo programa operativo do Fempa. Contará con sistema de balizamento propio e terá seis liñas de cultivo que permitirán soportar ata 4.000 quilogramos de mexilla, deixando espazo entre elas para a navegación.

O terceiro piar de Apromex é o desenvolvemento dun sistema de produción de semente en condicións controladas de criadeiro que permita usalo sen modificar o modus operandi habitual do sector. Trabállase nas diferentes fases das que se compón a produción de mexilla en criadeiro -do desove e obtención de larvas á fixación e seguimento en batea- para facelo máis eficiente e sustentable desde o punto de vista técnico, económico e medioambiental, de xeito que estas melloras podan ser incorporadas en instalacións do propio sector produtivo. Na xornada déronse a coñecer ao sector miticultor os avances nun proceso que permitiu levar xa dos criadeiros ás bateas de máis de 11 millóns de unidades de semente de mexillón cultivadas polo CIMA.

Outras vías para o desenvolvemento da actividade

Na presentación en Corón tamén se amosaron os resultados de outros traballos relacionados coa xestión da mexilla, como a identificación de larvas de mexillón nas augas das rías galegas levada acabo pola Universidade de Vigo en colaboración co Intecmar e o CIMA; e abordouse a importancia de comunicar os datos da mexilla que se coloca nas bateas incluídas no REGA. Tamén se presentou a nova aplicación de mobilidade (app) que permitirá transmitir das declaracións de mexilla recollida en bancos naturais, e que está en proceso de produción para que poda ser utilizado polo sector.

 

A acción realizada este mércores intégrase no plan de información e formación para o sector mexilloeiro, un programa de interacción cos profesionais da miticultura que comprenderá sesións de obradoiros, cunha duración de 90 minutos. Neles distintos poñentes, escollidos entre un panel de expertos de distintos centros de investigación e universidades galegas, presentarán actividades relacionadas co aprovisionamento de mexilla e trasladarán aos produtores a importancia de dispor de información adecuada e suficiente na xestión da semente. Tamén se dará a coñecer ás distintas asociacións as ferramentas das que o propio sector dispón para colocar as cordas colectoras ou emprender os traballos de extracción da cría.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/11/2023