A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, informou da resolución destas axudas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e tamén da nova convocatoria que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia durante un encontro cun beneficiario

A Xunta concede 15 axudas para a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, de baixas emisións ou eléctricos nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

As subvencións concedidas foron de ata 10.000 euros para taxis adaptados, 6.000 para vehículos de emisións cero e ata 4.000 para os taxis de baixas emisións

A nova convocatoria de incentivos publicada conta cun orzamento de 500.000 euros

Ferrol, 29 de novembro de 2023

A Xunta concedeu 15 axudas ao sector taxi das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida, vehículos de baixas emisións ou eléctricos. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou da resolución destas axudas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e da nova convocatoria se publica hoxe no DOG durante un encontro cun dos beneficiarios, José Ignacio Rebollo.

Aneiros lembrou que o obxectivo destas axudas “é reforzar a aposta do sector taxi pola inclusión social, financiando a adquisición de vehículos adaptados ás diferentes necesidades de mobilidade e sumar a estes profesionais á loita contra o cambio climático, dotándoos de vehículos menos contaminantes”.

A delegada territorial destacou os 900.000 euros de orzamento destinados a esta orde de axudas en 2023, despois de que tras esgotarse o crédito inicial de 500.000 euros, este fora ampliado noutros 400.000 o pasado mes de setembro.

Nova convocatoria

Referiuse, ademais, á nova convocatoria publicada hoxe no DOG e que conta cun orzamento de 500.000 euros para a anualidade 2024 coa que se subvencionará con ata 10.000 euros a adquisición de taxis adaptados (Eurotaxi); con ata 4.000 euros a compra de vehículos de emisións cero e ata 1.000 euros para a compra de taxi ECO.

Desde o ano 2016, cando deu comezo esta liña de apoio ao sector do taxi, a Xunta de Galicia leva concedidas axudas por máis de 5,4 M€ ao sector para a renovación do seu parque móbil, facilitando a adquisición de preto de 900 vehículos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/11/2023