O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, presidiu hoxe a reunión que tivo lugar na sede do Consello Económico e Social (CES Galicia)

A Xunta agradece o traballo dos expertos e institucións que conforman o Pleno do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica

No último ano, Galicia gañou preto de 6.800 habitantes, o que sitúa a cifra global por encima dos 2,7 millóns, que é a máis elevada desde 2017

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2023

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, agradeceu hoxe o traballo dos expertos e institucións que conforman o Pleno do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, órgano consultivo no que participan persoas procedentes do eido universitario, sindical, político, económico e das administracións públicas. Os membros deste pleno mantiveron esta mañá unha reunión, que se celebrou na sede do Consello Económico e Social de Galicia.

 

Segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística (INE), Galicia rexistrou nos últimos doce meses unha evolución demográfica favorable ao incrementar a súa poboación en 6.759 persoas, o que permite que a comunidade supere a barreira dos 2,7 millóns de habitantes, a cifra máis elevada desde o ano 2017.

 

Na reunión plenaria, avanzouse na elaboración do informe anual sobre a situación demográfica de Galicia, a través dos distintos grupos de traballo que constitúen o Observatorio; e tamén se abordou o deseño dunha metodoloxía de cálculo para o custe dos coidados a menores no eido familiar, na que se traballará nos vindeiros meses. Con ambas cuestións, este órgano consultivo dá resposta ao mandato efectuado pola Lei de Impulso Demográfico de Galicia, a primeira lei destas características aprobada en España.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/11/2023