O presidente da Xunta asiste a presentación do novo Plan integral contra o acoso escolar no CEIP de Lourido en Poio

Rueda anima ao alumnado galego a denunciar calquera tipo de violencia ou discriminación nos centros educativos para facer fronte ao acoso escolar

“Todos sodes iguais, non pode haber ningún abusón, que rompa a convivencia”, salienta diante dun grupo de escolares

Lembra que todos os colexios e institutos van ter un punto laranxa no que alertar destas situacións de forma anónima

As vítimas de acoso poderán ser derivadas con prioridade aos servizos de saúde mental para o seu diagnóstico ou tratamento

O Plan integral contra o acoso escolar dotará ao 100% dos centros educativos dos recursos necesarios para dar unha resposta firme ante estas situacións

Tamén se fará fincapé en promover intervencións de carácter psicoeducativo para corrixir a conduta dos agresores
 

Poio (Pontevedra),  29 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, animou hoxe ao alumnado galego a denunciar calquera caso de violencia ou discriminación que observen nos seus centros educativos para facer fronte ao acoso escolar. “Todos sodes iguais, non pode haber ningún abusón, ninguén que rompa a convivencia”, explicou a un grupo de rapaces do CEIP de Lourido de Poio (Pontevedra), durante unha visita ao centro na que se presentou o novo Plan integral contra o acoso escolar que aprobou a semana pasada o Consello.

Durante a presentación, na que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, o presidente resaltou a importancia de concienciar aos cativos de que o acoso escolar é un problema de toda a comunidade educativa e ao que cómpre facerlle fronte. “Pódelle tocar a calquera. Por iso, non pode haber ningún abusón e de habelo, hai que dicilo”, indicou para lembrar que unha das principais novidades do Plan é que todos os colexios, institutos galegos e centros da mocidade contarán un punto laranxa, un espazo no que poder denunciar de forma anónima os casos de acoso escolar.

Os equipos de actuación contra o bullying que hai en cada centro serán os encargados de xestionar estas denuncias. Para iso investigarán o sucedido e decidirán se é preciso ou non abrir o protocolo por acoso. De ser así, remitirán o caso á inspección educativa e falarán coas familias dos alumnos.

Outra das novidades que inclúe este Plan integral contra o acoso é que a Xunta vai habilitar un proceso para que as vítimas de bullying poidan ser derivadas con preferencia aos servizos de saúde mental tanto para o seu diagnóstico como para a intervención terapéutica que sexa precisa.

E ademais, a Xunta busca tamén actuar sobre o agresor para reverter a súa conduta. Para iso haberá intervencións psicoeducativas coa finalidade de que mude o seu comportamento.

O obxectivo do novo Plan integral contra o acoso é dotar a toda a comunidade educativa das ferramentas necesarias para previr, detectar e actuar fronte aos casos de violencia nas aulas. Deste xeito, o 100% dos centros educativos contarán con recursos para loitar contra este tipo de situacións.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/11/2023