O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de incentivos ao sector do taxi para o ano 2024

A Xunta convoca unha nova orde de axudas por importe de 500.000 € para incentivar a adquisición de taxis adaptados e de emisións cero ou ECO

Destinaranse 290.000 € á compra de taxis adaptados, 142.000 € para vehículos de baixas emisións e 68.000 € para taxis de emisións cero

Os inventivos son de 10.000 € para coches adaptados á mobilidade reducida, de 4.000 € para vehículos de cero emisións e de 1.000 € para taxis ECO

O prazo de presentación de solicitudes comezará mañá e estendese ata o 14 de outubro

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe unha nova convocatoria das axudas para incentivar a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, e de emisións cero ou categoría ECO, que suporán un investimento de 500.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recolle hoxe no Diario Oficial de Galicia esta orde de incentivos para o ano 2024, dirixida aos titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade.

O obxectivo da Xunta é reforzar a aposta do sector do taxi pola inclusión social, financiando a adquisición de vehículos adaptados ás diferentes necesidades de mobilidade e sumar aos profesionais do taxi á loita contra o cambio climático, dotándoos de vehículos menos contaminantes.

A liña para a compra de taxis adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida, os chamados eurotaxis, está dotada con 290.000 euros; para a adquisición de taxis de baixas emisións resérvase unha partida de 142.000 euros; e os 68.000 euros ata completar o importe desta convocatoria irá destinada a financiar taxis de cero emisións.

Estes incentivos, que son compatibles entre si, ascenden a 10.000 euros para o caso da compra de eurotaxis; a 4.000 euros para vehículos de cero emisións; e a 1.000 euros para a compra de taxis ECO.

Os prazos serán diferentes para as distintas liñas de incentivos. No caso das axudas para taxi de emisións cero ou ECO poderán ser obxecto de subvención os vehículos novos que se adquiran entre o 28 de febreiro de 2023 e o 31 de outubro de 2024.

Ás axudas da liña de taxis adaptados á mobilidade reducida poderán acceder os vehículos que xa foran adquiridos, en calquera momento, sempre que manteñan o compromiso da actividade, a lo menos de cinco anos. Ademais, tamén poden solicitalas os vehículos novos que se adquiran con posterioridade. En todo caso, a data límite para a adquisición do vehículo será tamén o 31 de outubro de 2024.

Ademais, os beneficiarios da subvención asumen a obriga de ter adscrito o vehículo á autorización de transporte da serie VT-N antes do 1 de xullo de 2025.

O prazo de presentación de solicitudes comezará mañá e estendese ata o 14 de outubro do vindeiro ano.

Nos seguintes enlaces ao DOG pode consultarse toda a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231129/AnuncioG0533-211123-0003_gl.html  e https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231129/AnuncioG0533-211123-0004_gl.html

A Xunta, desde 2016, leva concedidos incentivos ao sector do taxi por máis de 5,4 millóns de euros que facilitaron a compra dun total de 926 vehículos. En concreto, baixo estes incentivos adquiríronse 282 vehículos adaptados, 613 taxis de baixas emisións e 31 de emisións cero.

Con estas axudas, o Goberno galego apoia aos profesionais do taxi, un sector que en Galicia dá emprego a preto de 3.500 familias e que presta un servizo esencial, favorecendo e garantindo a mobilidade da xente.

Data de actualización: 29/11/2023