Lorenzana anuncia avances nunha nova xuntanza da Mesa polo impulso da actividade económica das Pontes

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, presidiu esta mañá a reunión na que se fixo seguimento do pre-acordo alcanzado con Endesa para garantir o emprego aos traballadores das auxiliares da térmica pontesa

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, presidiu esta mañá unha nova reunión da Mesa para o impulso da actividade económica das Pontes, co obxectivo de continuar co seguimento do pre-acordo alcanzado con Endesa para garantir o emprego dos traballadores das empresas auxiliares nas labores de pre-desmantelamento da central térmica.

Así as cousas, ao remate da xuntanza Lorenzana explicaba que xa se ten rematado o proceso de adxudicación dos traballos de desarme e que unicamente está pendente a firma do contrato por parte da empresa que resultou pre-seleccionada. Realizado este trámite, avanzou a titular de economía do Goberno galego, as tres organizacións sindicais trasladarán o listado de traballadores afectados á firma responsable das tarefas co fin de abordar a súa recolocación mentres que duren os traballos de pre-desmantelamento da central.

Lorenzana volveu a insistir na necesidade de acompasar as labores de pre-desmantelamento así como de desmantelamento da central térmica cos proxectos industriais e enerxéticos nos que se está traballando desde o Goberno galego, logo do peche imposto polo Goberno central o pasado mes de agosto.

Na reunión desta mañá tomaron parte a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, así como representantes de Endesa, da CIG, UGT e CCOO, da Confederación de Empresarios, da Asociación de Empresarios Seara, da Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios das Pontes, así como da Xunta e do Instituto de Transición Justa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2023