A Xunta detecta dous novos casos de aves silvestres afectadas por gripe aviaria en Ares e Xove

A detección realizouse no marco do Plan de vixilancia que desenvolve a Xunta e non vai afectar á valoración favorable do risco respecto á influenza aviaria que recentemente realizou o Goberno central

Con estes dous novos, son 12 en total os focos notificados na nosa comunidade no presente ano 2023, correspondendo 11 a gaivotas e un a un exemplar de palleira parasita
 

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de dous exemplares de aves silvestres afectados por influenza aviaria nos concellos de Ares (A Coruña) e Xove (Lugo), confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

Trátase de exemplares de gaivota patiamarela, unha atopada con sintomatoloxía clínica e a outra morta. Trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Oleiros e O Veral, as aves foron mostrexadas para proceder á análise laboratorial, eliminándose posteriormente os cadáveres conforme á normativa vixente. Con estes dous novos, son 12 en total os focos notificados na nosa comunidade no presente ano 2023, correspondendo 11 a gaivotas e un a un exemplar de palleira parasita.

A notificación deste focos, ao afectar exclusivamente a aves silvestres, non implica cambios no status sanitario de Galicia en relación á influenza aviaria, nin supón ningunha restrición ou medida adicional ao comercio de aves vivas e produtos derivados orixinarios da comunidade autónoma.

Valoración de risco favorable

Cómpre recordar que na data actual a valoración de risco de aparición de influenza aviaria a nivel do Estado continúa a ser favorable, ao non estar aínda no período de maior afluencia na chegada de aves migratorias silvestres posibles portadoras do virus ao noso territorio.

Deste xeito, hoxe mantéñense en Galicia certas medidas de prevención sanitaria unicamente nos sete concellos da provincia de Pontevedra que pertencen á Zona de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa).

Porén, dada a importancia do sector avícola na nosa comunidade, cómpre continuar implementando as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, de calquera tipo, tanto comerciais como particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos servizos veterinarios oficiais.

Lémbrase que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, aínda que por un principio de bioseguridade básica, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais.

 
Data de actualización: 28/11/2023