A Xunta fomenta os simulacros de extinción de incendios para seguir mellorando o dispositivo de loita contra os lumes

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, asistiu hoxe a un simulacro levado a cabo no marco do II Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes, que se está a celebrar na localidade pontevedresa de Silleda, dentro do programa da Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias Sedexpo

En materia de prevención, a Consellería do Medio Rural vén de prorrogar o convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias e con Seaga para a defensa das aldeas contra o lume, cun orzamento de 12.2 millóns de euros no 2024
 

Silleda (Pontevedra), 28 de novembro de 2023

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, asistiu hoxe a un simulacro de extinción de incendios enmarcado na II Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes, organizado pola Xunta de Galicia dentro da Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias Sedexpo. Este tipo de operacións axudan a manter engraxado o dispositivo público galego de loita contra os lumes.

Neste simulacro recreouse un ataque combinado de medios aéreos e terrestres para a defensa dunha vivenda illada, así como manobras de autoprotección. A prioridade destas tarefas é a defensa dos núcleos habitados, xa que primeiro son as persoas e logo os seus bens, todo isto sen esquecer a protección dos terreos forestais.

A extinción é un dos piares da loita contra os incendios forestais e o outro é a prevención. Por iso, a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural segue a traballar nesta materia. Un exemplo é a prórroga do convenio de defensa das aldeas, no que colabora a Consellería do Medio Rural, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga. A addenda aprobada a semana pasada polo Consello da Xunta, amplía o seu orzamento que, en total, chegará aos 12,2 millóns de euros no 2024.

En canto a actuacións sobre o territorio, cómpre destacar o papel que, en materia preventiva, desempeñan as diferentes ferramentas da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Un exemplo son os polígonos agroforestais e as aldeas modelo que, ademais de xerar actividade agrogandeira, facilitan a creación dunha devasa natural fronte o lume.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2023