Ana Ortiz entrega os novos carnés aos voluntarios das agrupacións de protección civil do Porriño, Val Miñor, Salceda de Caselas, Moaña e Redondela

A delegada da Xunta en Vigo presidiu este martes o acto de entrega das acreditacións no marco do proceso de regularización

O Porriño (Pontevedra), 28 de novembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presidiu este martes o acto de entrega dos novos carnés de voluntariado de Protección Civil celebrado no Porriño. Xunto co alcalde, Alejandro Lorenzo, a representante autonómica destacou a importante labor que realizan as agrupacións da provincia das que acentuou a súa vocación de servizo público.

“O papel que fai Protección Civil é insubstituíble e supón un dos grandes avances nunha sociedade que pretende avanzar e mellorar”, sinalou Ana Ortiz. A delegada tamén destacou que “nun mundo como o actual debemos ter referencias como as vosas, persoas desinteresadas, que achegades horas, esforzo, traballo e, sobre todo actitude, porque estades sempre no lugar que facedes falta dispostos a axudar”.

No acto entregáronse un total de 37 renovacións de carnés, dos que 18 pertencen á agrupación do Val Miñor, 10 ao Porriño, 5 de Salceda de Caselas, 3 de Redondela e 1 de Moaña.

A delegada salientou a importante labor que realizan as 9 agrupacións da área de Vigo, das que salientou a súa vocación de servizo público, e apuntou que “hoxe estades aquí moitos voluntarios, pero sodes máis e a todos gustaríame mostrarvos o agradecemento da Xunta polo voso labor”. 

Data de actualización: 28/11/2023