A Xunta apoia un proxecto europeo que traballa para a posta en marcha do Observatorio da Dieta Atlántica

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou hoxe nun taller de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal enmarcado no proxecto DIETAT, encabezado polo goberno galego

Ademais da posible creación deste observatorio, tamén se contempla o establecemento dun selo de calidade no que estean incluídos os produtos da Dieta Atlántica, así como a promoción de hábitos saudables ou o turismo gastronómico e cultural

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou no primeiro taller de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal para a promoción da Dieta Atlántica, que se celebrou hoxe en Santiago no marco do proxecto DIETAT, encabezado pola Xunta a través de dita Axencia.

 

Esta iniciativa, que busca promover a Dieta Atlántica e os seus beneficios para a saúde e o desenvolvemento económico sostible na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para fomentar a creación de novos mercados e oportunidades de acceso ao emprego, traballa na creación dun Observatorio da Dieta Atlántica. Ademais, tamén contempla o establecemento dun selo de calidade no que estean incluídos os seus produtos, así como a promoción de hábitos saudables ou o turismo gastronómico e cultural.

 

O proxecto DIETAT está liderado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria e participan varias entidades en representación tanto de España como de Portugal. Pola parte española atópanse como beneficiarios a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Finnova e a Confederación de Empresarios de Galicia. No lado portugués atópanse a Comunidade Intermunicipal de Alto Minho, a Associação Empresarial de Portugal, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e a Universidade de Tras-os-Montes.

 

Á marxe dos beneficiarios, tamén se atopan outras entidades colaboradoras como socios sen financiamento como son a Axencia de Turismo de Galicia, a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo, a Fundación Dieta Atlántica, a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta e a Consellería de Sanidade.

 

Estratexias para o futuro

Este primeiro taller serviu para reunir a un grupo de entidades expertas na materia que definiron as estratexias de traballo a longo prazo, entre as que se inclúe o Observatorio da Dieta Atlántica. Ademais, realizouse unha análise das distintas oportunidades de financiamento europeo para impulsar as accións derivadas deste posible observatorio.

 

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, encabezou esta reunión xunto coa presidenta do Comité Científico da Fundación Dieta Atlántica, Rosaura Leis; o catedrático de Nutrición Humana e Bromatoloxía da Universidade de Santiago, Alberto Cepeda; e o subdirector de Explotación e Stages da Dirección de Profesionalización de Turismo de Galicia, Luis Rial. Entre os asistentes tamén estiveron outros representantes de entidades colaboradoras, tanto de España como de Portugal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2023