A Xunta expón o seu modelo para a promoción do galego na mocidade na VII Xornada de dinamización lingüística de Baleares

Mallorca, 28 de novembro de 2023

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe en Mallorca na VII Xornada de Dinamización Lingüística, organizada polo Institut d’Estudis Baleàrics como un punto de encontro para a reflexión e o debate arredor do uso social da lingua. Seguindo a temática deste ano, centrada nos usos lingüísticos da mocidade, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades expuxo ante o medio cento de participantes o modelo seguido pola Xunta de Galicia para promover e fomentar o uso da lingua galega entre as novas xeracións.

“Estas teñen cada vez máis competencias no idioma, están máis preparadas, polo que, con esa base, o noso foco está posto en incrementar o seu uso, sobre todo nos espazos urbanos”, destacou. “Facelo de forma efectiva, especialmente nos espazos que lles son máis próximos, como o deporte e as tecnoloxías, debe ser prioritario para as Administracións Públicas”, concluíu Valentín García. Na xornada, que xirou fundamentalmente arredor da importancia que para este sector da sociedade teñen as redes sociais, o deporte e o audiovisual, tamén participaron expertos da materia en Baleares, País Vasco e Cataluña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2023